O BNG carga contra o sistema de financiamento por "prexudicar Galiza" e acusa Rueda de "servilismo"

Bará afirmou que a posición da Xunta foi "de submisión cando goberna o PP e de confrontación cando goberna o Partido Socialista" e acusou os populares galegos de "dobre discurso" con respecto a esta cuestión.
O deputado do BNG, Luís Bará esta segunda feira en rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera O deputado do BNG, Luís Bará esta segunda feira en rolda de prensa (Foto: Arxina).

O deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará exixiu esta segunda feira a Alfonso Rueda que exerza como presidente da Xunta e non como "delegado do PP" para defender os intereses da Galiza no debate aberto sobre o financiamento autonómico, á vez que o acusou a el e á súa formación de "servilismo" e de ter "un dobre discurso: un aquí e outro en Madrid".

"Asistimos a unha auténtica sobreactuación de Rueda, que fala para a galería, mesmo con bágoas de crocodilo e cun enfoque electoralista", dixo Bará, apuntando que durante os últimos anos Rueda e Núñez Feixoo "mantiveron silencio respecto do actual modelo de financiamento", que é "obsoleto" e "prexudicial para Galiza".

Bará afirmou que a posición da Xunta foi "de submisión cando goberna o PP e de confrontación cando goberna o Partido Socialista" e acusou os populares galegos de "dobre discurso" con respecto a esta cuestión.

"Cando chegan á Castellana éntralles unha especie de ‘tembleque’ e abrazan o servilismo e a submisión. E non din nin pío, por exemplo, sobre a Comunidade de Madrid, unha das grandes beneficiarias deste sistema discriminatorio para Galiza e que ademais creou un auténtico paraíso fiscal para atraer grandes empresas que deixan de tributar noutros territorios", criticou Bará.

Comisión parlamentaria

En relación á cuestión do financiamento, no próximo período de sesións, Bará dixo que o BNG pedirá a reactivación da comisión parlamentaria sobre financiamento autonómico, que, "leva case ano e medio en stand by porque ao PP non lle interesa que haxa un acordo".

Para unha reforma do sistema, o BNG aposta por un "modelo de concerto semellante ao de Euskadi e Nafarroa", para que Galiza "teña plena autonomía fiscal e financeira".

Sen renunciar a el, os nacionalistas levan unha "proposta alternativa", un "acordo de mínimos" para "avanzar na soberanía fiscal e financeira" a partir de "unha negociación bilateral do Estado asentada nos piares da recadación e da repartición", dixo Bará.

No primeiro ámbito, o BNG propón aumentar a recadación mediante a cesión de 90% do IVE e do IRPF, ou o incremento de xestión doutros impostos especiais. Pide, así mesmo, a cesión do imposto de sociedades para que tributen na Galiza as empresas que desenvolven aquí a súa actividade produtiva e un modelo fiscal "máis xusto e progresivo", así como desenvolver unha fiscalidade ambiental.

A alternativa de mínimos que presenta o Bloque inclúe tamén cambios nos criterio de distribución por poboación axustada, mediante o incremento da ponderación do envellecemento de 8,15% actual a 15%, e da dispersión de 0,6% a 4,2%.

Outras variábeis para ter en conta, segundo o BNG, serían a emigración, as características do xeográficas e ambientais do territorio -como os quilómetros de costa- ou o feito de ter lingua e cultura propias.

Luís Bará referiuse, por outra parte, ao debate sobre a condonación da débeda do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), instando tanto Rueda como a Feixoo a explicar por que a Xunta non acudiu a este sistema de financiamento público. En todo caso, reclamou compensacións para Galiza "que durante estes anos acudiu ao mercado privado e multiplicou por tres o seu endebedamento".

O PSOE non ve debate

Sobre o modelo de financiamento, o deputado socialista Julio Torrado dixo que aínda non existe ningún documento sobre o que debater e agradeceu "ao PP que "saia agora a dicir" que o actual modelo "é bo".

"O PP falou pestes do modelo actual, que aprobou o goberno Zapatero e negociou na Galiza o goberno de Touriño", dixo Julio Torrado, que se mostrou sorprendido porque "agora o PP tente defendelo".

Para os socialistas, este sistema posibilitou "moitos avances" no país e pediu a quen tente debater un novo, cando "exista debate", que "primeiro demostre estar en condicións de defender ben os galegos".

Comentarios