O BNG exixe á Xunta "que pare a campaña de acoso ao TSXG" tras as sentenzas contra eólicos de Greenalia

"É unha campaña dirixida desde San Caetano, concretamente desde a Consellaría de Industria", afirma Luís Bará.
O deputado nacionalista Luís Bará, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado nacionalista Luís Bará, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG Luís Bará exixiu esta segunda feira á Xunta "que pare a campaña de acoso e ataque" ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que "rectifique" a súa política eólica e que "dea as máximas garantías legais e xurídicas" do cumprimento da normativa para "evitar" que teña que ser o TSXG "quen poña as cousas no seu sitio". Referíase o portavoz de Medio Ambiente do grupo nacionalista no Parlamento ás reiteradas críticas desde o propio Goberno galego, a enerxética Greenalia e a patronal contra as sentenzas do alto tribunal que anularon as licenzas concedidas á empresa da ex conselleira Beatriz Mato para construír os parques eólicos Bustelo e Campelo.

Bará ve nestes recentes acontecementos "unha campaña dirixida desde San Caetano, concretamente desde a Consellaría de Industria", dixo, e que "conta coa participación da empresa Greenalia, a patronal eólica e da Confederación de Empresarios da Galiza". Nesta liña, o nacionalista lembrou que a pasada semana houbo varios comunicados da sala de goberno do TSXG nos que defendía a "independencia" dos maxistrados e das súas resolucións xudiciais e tamén outro, da Asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia, que advertía dunha "campaña de ataques persoais contra o maxistrado Luís Villares —ex dirixente de En Marea—, a quen acusan de parcialidade".

Desta forma, Luís Bará salientou que "todas as sentenzas" emitidas até o momento "foron aprobadas de maneira unánime" polos maxistrados da sala do contencioso-administrativo do TSXG. E procedeu a enumerar as razóns que a formación nacionalista cre que deron lugar a esta "campaña de acoso". En primeiro lugar, sinalou que "queren presionar", xerando "ruído social e mediático" para "crear un clima de presión" cara ao órgano xudicial para "alertar das consecuencias económicas e sociais" da anulación deses proxectos, "tentando mediatizar, influír e presionar" as súas decisións.

Aliás, remarcou que o que buscan é "desviar a atención" sobre "o fondo do asunto" que, para eles, son as "irregularidades cometidas pola Xunta". "O problema non é o TSXG, non é o que crea inseguridade de xustiza, en todo caso dan garantías xurídicas, senón que as crea o 'modus operandi' que seguiu a Xunta durante todos estes anos que favoreceu de maneira descarada os intereses das grandes empresas", denunciou Bará.

Así, cualificou "a campaña de acoso" contra o TSXG como un "ataque extremadamente grave" e remarcou que isto é un "auténtico vendaval xudicial" que pon ao goberno da Xunta "contra as cordas". A continuación, enumerou a sucesión de sentenzas que anularon varios proxectos eólicos na Galiza e fixo referencia ás tres "que hai enriba da mesa" actualmente.

Os nacionalistas entenden que estes son uns feitos "moi graves" que van provocar "unha gran parálise do sector", "van crear unha inseguridade xurídica" debido aos cambios "absolutamente arbitrarios" da lexislación e pola "aplicación irregular e incorrecta" do procedemento de declaración de impacto ambiental "por parte da Xunta". Así, advertiu que, como consecuencia, "poderían caer en fervenza" os parques que son recorridos primeiro en recurso de alzada ante a propia Administración e despois ante o TSXG no contencios-administrativo.

Como terceira consecuencia, "tamén moi grave", sinalou as responsabilidades económicas. A solicitude de indemnización por parte das empresas, unha vez anulados definitivamente os proxectos, que "reclamarán o investimento realizado e tamén o lucro cesante".

Comentarios