23-X

O modelo de financiamento, un dos retos das novas Cortes

O modelo actual de financiamento atópase en tempo de desconto. O debate e aprobación do novo sistema está chamado a ser un tema chave nas vindeiras Cortes do Estado. As forzas políticas galegas coinciden en que o país esta infrafinanciado co modelo vixente, mais discrepan nas alternativas.

Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rexión de Murcia) #financiamento #recadación #galiza
photo_camera Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O modelo actual de financiamento atópase en tempo de desconto. O debate e aprobación do novo sistema está chamado a ser un tema chave nas vindeiras Cortes do Estado. As forzas políticas galegas coinciden en que o país esta infrafinanciado co modelo vixente, mais discrepan nas alternativas. O actual sistema de financiamento está prorrogado desde 2014. Aprobado con rango de lei á volta de 2009, cos votos favorábeis do PSOE e coa abstención do Partido Popular, fixa na súa disposición adicional sétima a obrigatoriedade de ser revisado en 2014, porén mantense prorrogado desde entón. Malia que PP e PSOE levaban no seu programa electoral de 2019 o compromiso de reformar o modelo, a proposta non saíu adiante.

A maior parte das persoas expertas, a totalidade das formacións políticas e diferentes institucións coinciden en que Galiza perde co sistema de financiamento vixente. Así, o Consello de Contas, na fiscalización da Conta Xeral galega de 2020, advirte da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia”.

A comisión de estudo constituída no Parlamento da Galiza en 2022 para analizar o modelo de financiamento serviu para evidenciar as eivas do sistema vixente. Unha das comparecentes, a profesora de Economía Aplicada da USC e colaboradora de Nós Diario María Cadaval, que aposta por manter Galiza no réxime común, defendeu que “o novo modelo precisa gañar en suficiencia, equidade, transparencia e simplicidade. A Galiza debe puxar sobre todo por que se cumpran as dúas primeiras, é dicir, gañar en suficiencia e en equidade”.

O economista e autor do ensaio As contas que nos contan, libro publicado por Sermos Galiza S.A, Xosé Díaz, foi outro dos expertos presentes na comisión parlamentaria. Tras estudar a liquidación dos orzamentos do Estado de 2020, última anualidade con datos, sinala que nese exercicio a Galiza perdeu 3.994 millóns. Apunta que o Estado recadou en impostos en 2020 na Galiza un mínimo de 11.938 millóns, mais só reintegrou 7.944.

As cifras da liquidación de 2020 sitúanse na dirección doutras anualidades. Malia a caída da recadación, como consecuencia da pandemia que paralizou a actividade económica, as porcentaxes presentan similitudes coas de exercicios pasados. Nesta liña, Díaz lembra que en 2019, a Galiza perdeu 4.562 millóns, após contribuír cun total de 13.222 millóns e só recibir 8.650.

Díaz aposta por avanzar cara a un modelo de financiamento semellante ao de Euskadi e Nafarroa que permita recadar todos os tributos, fixar unha política fiscal propia e dotarse dun sistema de concerto que posibilite contar coa suficiencia financeira necesaria para a prestación dos servizos públicos.

O sistema de concerto é defendido polo BNG. Nunha liña, diferente sitúanse PP, PSdeG e Sumar, que reclaman un modelo de financiamento máis xusto para o país, mais que manteña as bases do modelo actual, coa Galiza inserida no réxime común.

Comentarios