23-X

O BNG buscará no Congreso frear "a desfeita" da eólica mariña para Galiza

Ana Pontón apela a votar nacionalista para frear PP e Vox.
Anxo Baz, Ana Pontón, Carme da Silva e Manuel Méndez, esta terza feira, na Guarda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Anxo Baz, Ana Pontón, Carme da Silva e Manuel Méndez, esta terza feira, na Guarda. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, situou o nacionalismo como a "única forza" que defenderá nas Cortes españolas os "intereses" dos galegos e das galegas. Así o reiterou esta terza feira na Guarda, comarca do Baixo Miño, onde apuntou que "un escano máis para o BNG" é un "escano menos para  a dereita e a extrema dereita".

A líder nacionalista cargou tamén contra  “o espolio eólico que bendicen as forzas estatais, unha ameaza máis para o noso litoral e para o medio de vida de miles de traballadores e traballadoras”. “E todo para que o lobby eléctrico siga engordando os seus millonarios beneficios”, denunciou.

Nesta liña manifestouse tamén a cabeza de lista da candidatura nacionalista pola circunscrición de Pontevedra, Carme da Silva. Deixou claro que como deputada no Congreso traballará para "frear o espolio  eólico mariño", que na Guarda tradúcese, dixo, nun proxecto para instalar máis de 20 aeroxeradores próximos á desembocadura do río Miño, “unha desfeita” para a pesca en toda a área.

“Na Galiza sabemos moi ben quen é o candidato do PP, como e para quen goberna”, concluíu Pontón, lembrando a herdanza  que deixou: “Menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos sectores produtivos, menos vivenda, menos dereitos, máis precariedade e máis emigración".

"Libres e iguais"

Pontón principiou a xornada de campaña de onte en Compostela, nun acto con mulleres diante da emblemática escultura de Maruxa e Coralia, As Marías, e no que entre outras, estivo a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.

O acto na capital galega reuniu tamén cargos da formación nacionalista como a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, e de Ourense, Noa Presas, no encontro que se desenvolveu baixo a lema Libres e Iguais. Destacou Pontón que na Galiza o BNG é "a alternativa real para frear o PP" e pediu o voto das galegas e do feminismo "por unha Galiza de mulleres libres e iguais".

Comentarios