O BNG organizará o 6 de xullo un acto en Bruxelas sobre "as leccións aprendidas" a raíz do accidente de Angrois

A formación nacionalista convida a asistir esta cuarta feira (19.30h) en Compostela á proxección do documental 'Frankenstein-04155', especialmente crítico co sinistro e "vetado" nas televisións públicas.
Goretti Sanmartín e Ana Miranda, presentando esta cuarta feira o acto. (Foto: Europa Press)
photo_camera Goretti Sanmartín e Ana Miranda, presentando esta cuarta feira o acto. (Foto: Europa Press)

O BNG organizará o próximo 6 de xullo en Bruxelas unha conferencia sobre "as leccións aprendidas en Europa" a raíz do accidente do tren Alvia de 2013, no que morreron 80 persoas e outras 140 resultaron feridas. Coincidindo coa proximidade do décimo aniversario da traxedia, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, mostrouse crítica co balance, debido a que "non houbo unha investigación consecuente", tal e como requiriu a Comisión Europea, nin tampouco "responsabilidades políticas".

Estas semanas prosegue na Cidade da Cultura de Santiago un xuízo polo sinistro que Miranda considera "tardío", co maquinista, Francisco Garzón, e o ex responsábel de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, como acusados, e a parlamentaria puxo o foco sobre o procedemento de infracción aberto en Bruxelas contra o Estado español en relación ao cumprimento da normativa de seguridade ferroviaria, que aínda continúa "en marcha".

Ana Miranda fixo estas declaracións acompañada pola candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, ás portas do Museo das Peregrinacións, onde esta cuarta feira, ás 19.30 horas, a formación proxectará o documental Frankenstein 04155, que aborda as causas do sinistro da curva da Grandeira.

"É escandaloso"

A eurodeputada tamén lembrou o recente accidente de tren rexistrado en Grecia, onde "si houbo dimisións", mentres Sanmartín fixo alusión aos cesamentos tras a polémica polos trens Feve de Asturias e Cantabria. "Aquí segue sen haber responsabilidades políticas, un xuízo aínda aberto e un procedemento de infracción aberto en Bruxelas", incidiu a parlamentaria nacionalista. É "escandaloso", reiterou, ao seu lado, a líder local do Bloque.

Por iso, o próximo 6 de xullo o BNG organiza en Bruxelas unha conferencia "sobre as leccións aprendidas en Europa do accidente de Angrois", á que están convidadas a Axencia Ferroviaria Europea (ERA, polas súas siglas en inglés), a comisaria do ramo, a asociación de vítimas e tamén Adif, Renfe e o Ministerio de Transportes. "Creo que teñen que dar a cara publicamente", advertiu Miranda.

"Meses chave"

Tamén precisou que o procedemento de infracción ao Estado español segue "aberto" e revelou unha nova reunión co gabinete da comisaria na que preguntou polo plan de acción "que está entregado e que a ERA está a revisar". "Nos próximos meses saberemos se cumpre os requisitos que impuxo a ERA naquel informe de 2016. Estes meses van ser chave", subliñou.

O Bloque, remarcou, o que quere é que "se cumpra" coa normativa para que "non se produza un accidente como o de Angrois", por iso avoga por "facer presión" e que "esta lección ten que servir para o cumprimento da normativa en toda Europa", xa que se trata "dun problema europeo, non só galego e estatal".

"En contacto coas vítimas", Miranda trasladoulles "moita forza nestes momentos tan duros de testemuños no xuízo", consciente do "duro" que é "o que están a pasar". Neste sentido, espera "unha sentenza exemplificativa", malia que avisa de que no proceso "non están os principais implicados responsábeis".

A este respecto, e a preguntas dos xornalistas, criticou que PP e PSOE "buscaron cubrirse en ambos os gobernos cando tiveron unha oportunidade de cambiar as normativas de control de riscos e de dar a cara". "Vímolo no caso do señor [José] Blanco, da señora [Ana] Pastor", recriminou, polos ex ministros de Fomento con José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Raxoi, respectivamente.

"Este tema pasou como unha cuestión sen pena nin gloria, pero para o BNG é unha cuestión de transcendencia política e ética para a honra das vítimas. E non imos parar até que se consiga", salientou. O seu obxectivo é "que nunca máis se produza un accidente como o de Angrois, porque a día de hoxe sábese que pode volver producirse". Sobre este extremo, Goretti Sanmartín aludiu aos "erros que houbo para un accidente que puido ser evitábel cun sistema de seguridade que agora se está falando de implantar", polo ERTMS.

Dimisións? "Por suposto"

Á cuestión de se debe haber dimisións se o ex alto cargo de Adif sae condenado, Ana Miranda respondeu con rotundidade que "por suposto" e, ademais, engadiu que "hai ex ministros que deberían dar a cara con esta situación e non son capaces de facelo". É, concluíu, "un tema tan duro e tan grave que non ten caducidade", debido a que "hai 80 mortos e 140 feridos".

Por último, opinou que "o que se está pedindo a Cortabitarte", para quen Fiscalía e vítimas piden catro anos de prisión, ao seu entender "son poucos anos de cadea". Pola súa parte, a candidata do BNG á Alcaldía da capital galega fixo un chamamento a quen non visen aínda o documental para que acudan a velo e lembrou que "foi censurado nas televisións públicas", polo que "proxectalo contribúe a levantar ese veto".

Comentarios