18-F

O PP ve a suba de Vox nas enquisas como unha ameaza e insiste en que é un "erro" que se presente

"Pode prexudicar unha maioría absoluta do PP na Galiza? Na miña opinión, si", afirma Feixoo, que cre que "non ten sentido" a candidatura da extrema dereita no país.
Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, no pleno do Congreso. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Cuca Gamarra e Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, no pleno do Congreso. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, asegurou esta cuarta feira que é un "erro" que Vox se presente ás eleccións galegas do 18 de febreiro e alertou da posibilidade de que se repita o escenario do pasado 23 de xullo nos comicios estatais, cando os votos ao partido de Santiago Abascal impediron ao PP lograr escanos decisivos nalgunhas circunscricións e permitiron que se reeditase o Goberno de coalición PSOE-Sumar, "imposibilitando o cambio político en España". Nunha entrevista en esRadio, Feixoo afirmou que a formación de extrema dereita non ten posibilidade de conseguir escanos na Galiza porque necesita, de acordo coa lei electoral galega, un mínimo de 5% dos votos para ter representación parlamentaria.

"Por tanto, é verdade que calquera voto a favor de Vox é un voto para que goberne o independentismo na Galiza, para que goberne o Bloque Nacionalista Galego, que é o socio de Bildu e o socio de ERC", salientou, para engadir que "cada un ten a súa propia responsabilidade". Por iso, recalcou que é "un erro a presentación de Vox na Galiza" e sinalou que, se "realmente" pretenden "finalizar co sanchismo e co independentismo", "non ten sentido" que concorran a uns comicios nos que "saben" que os seus votos "poden facilitar o mantemento desa formulación política".

As últimas enquisas, de feito, recollen unha suba da ultradereita na Galiza a respecto do pouco máis de 2,05% que lograra en 2020, mesmo achegándose ao limiar de 5% segundo algunhas sondaxes, polo que Núñez Feixoo insiste agora no argumentario que o Partido Popular vén defendendo desde o pasado novembro, cando fora un dos seus homes de máxima confianza, Miguel Tellado, quen propuxera a ausencia de Vox nestes comicios"Hai que fiar fino para soster a maioría e mantela", dixera entón.

Feixoo recoñeceu hoxe que nas estatais de xullo propuxo a Abascal que Vox non se presentase nalgunhas provincias onde non ía lograr escano, pero non tivo "éxito" na súa formulación, algo que provocou que o PP non lograse "sete escanos que serían os da maioría absoluta". "Estou a falar da Rioxa, estou a falar de Asturias, estou a falar de Burgos, de Pontevedra, de Xirona, de Lleida... Bueno, cada un ten a súa propia responsabilidade e eu creo que foi un erro, e foi un erro histórico", abundou, para advertir a Vox que ese "erro" de concorrer nalgunhas provincias pagárono "moi claramente nas eleccións xerais".

Por todo iso, o líder popular reiterou que "non ten sentido" a candidatura de Vox nas catro circunscricións. "Pode prexudicar unha maioría absoluta do PP na Galiza? Na miña opinión, si", incidiu, para alertar tamén de que a repartición de 'restos' en Lugo, Ourense ou Pontevedra pode provocar a baixada de até tres escanos e "pon o PP nunha situación complicada".

Ao ser preguntado por se o PP estaría disposto a ceder nesa negociación noutros territorios, como Catalunya, onde Vox está máis forte segundo as enquisas, Feixoo dixo que "non é ceder nada". "Eu non lle vou pedir a Vox que me dea un deputado", dixo, para engadir que el o que lle pode pedir é que non lle "quite un deputado" ao PP porque "non os tivo no pasado nin os vai ter agora".

Comentarios