Besteiro rexistra máis de 1.000 avais para a Secretaría Xeral do PSdeG

A renovación iniciada polo PSdeG no seu aparello culminará o próximo 27 de abril coa celebración dun Congreso Extraordinario na capital galega, conclave do que sairá a executiva que acompañará Besteiro na dirección do partido.
BESTEIRO
photo_camera BESTEIRO

José Ramón Gómez Besteiro rexistrou na mañá desta sexta feira na sede do PSdeG, en  Compostela, máis de 1.000 avais para referendar a súa candidatura á Secretaría Xeral da formación. O que será portavoz parlamentario do PSdeG nesta XII Lexislatura foi o único aspirante postulado nas primarias abertas polos socialistas para renovar o seu xefe de filas, un cargo que até agora desempeñaba o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

O socialista acudiu á sede do PSdeG na mañá desta sexta, xornada na que ás 12 horas finalizou o prazo de presentación dos avais, para rexistrar os apoios solicitados para facerse co liderado do partido.

Agora, ábrese un prazo de presentación e resolución de recursos, que culmina o próximo 26 de marzo. Neste período Besteiro xa poderá ser proclamado de forma definitiva como novo secretario xeral dos socialistas galegos.

A renovación iniciada polo PSdeG no seu aparello culminará o próximo 27 de abril coa celebración dun Congreso Extraordinario na capital galega, conclave do que sairá a executiva que acompañará a Besteiro na dirección do partido.

Con todo, preguntado polos nomes que baralla para que asuman esta responsabilidade, non quixo desvelar ningunha pista. Así, dixo que o proxecto aínda está en formación e que aínda queda máis dun mes para o congreso.

Os socialistas galegos emprenderon un proceso interno para a renovación dos seus órganos de dirección após os resultados das pasadas eleccións galegas do 18-F, nas que o que Besteiro foi o candidato á Presidencia da Xunta. Nesta cita o PSdeG só logrou cinco escanos no Parlamento , cinco menos que os que alcanzou nos comicios de 2020, rexistrando o seu peor resultado histórico.

Ante iso, o que era secretario xeral, Valentín González Formoso, anunciou cambios orgánicos e mostrouse partidario de que Besteiro asumise as rendas do partido para poder despregar un proxecto con tempo que dese estabilidade á formación. José Ramón Gómez Besteiro, que entrou en política da man do ex alcalde de Lugo, Xosé López Orozco en 1999, volverá á Secretaría Xeral do PSdeG por segunda vez, após ostentar este cargo entre 2013 e 2016.

En concreto, fíxose coas rendas do partido na Galiza após gañar as primarias ao entón alcalde da Illa de Arousa (Pontevedra), Manel Vázquez. Así, en setembro de 2013 sucedeu a Pachi Vázquez, quen despois foi un dos seus principais rivais internos.

Despois de dous anos e medio á fronte do partidona Galiza, en marzo de 2016, ano no que estaba chamado a ser o candidato nas eleccións galegas, deixou os cargos orgánicos polas investigacións xudiciais da xuíza Pilar de Lara en relación a presuntas irregularidades durante o desenvolvemento urbanístico das torres Garañón e na Operación Pulpo. Todas elas serían arquivadas e a xuíza apartada por dilacións indebidas.

Comentarios