Enquisa do CIS

10% dos galegos e galegas cambiaron o voto durante a campaña do 18-F: a quen votaron?

O estudo postelectoral sobre as eleccións galegas, publicado esta cuarta feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), indica que máis dun terzo dos electores indecisos que acudiron ás urnas o pasado 18 de febreiro dubidaron entre escoller a papeleta do BNG e o PSdeG. Tamén sitúan a Lei de amnistía como o tema que cren que foi máis debatido na campaña.
Papeletas dos distintos partidos que concorren ás eleccions do 18-F. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas dos distintos partidos que concorreron ás eleccions do 18-F. (Foto: Nós Diario).

Máis dun terzo dos electores indecisos que acudiron ás urnas nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro dubidaron entre escoller a papeleta do BNG, que se situou como segunda forza política, e o PSdeG, que obtivo o peor resultado histórico.

Ademais, desa bolsa de 40% de galegos que declararon que acudiron a votar e que non tiñan decidido o seu sufraxio antes do inicio da campaña, 8,4% manifestou que tivo dúbidas entre votar o PP, que logrou a súa quinta maioría absoluta consecutiva, ou o BNG.

Así se desprende do estudo postelectoral da Galiza sobre as eleccións galegas de 2024, publicado esta cuarta feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), no que se recolle que seis de cada dez galegos  60,8%) tiña decidido votar e por un partido ou coalición en concreto.

A enquisa postelectoral contou con 4.077 entrevistas de 294 municipios das catro circunscricións e realizouse entre o 6 e o 9 de marzo deste ano. Das persoas que decidiron non ir votar o 18 de febreiro, 14,55% tomou esa decisión porque está "farto" da política e de eleccións e 23,2% por que considera que "dá o mesmo". Pola súa parte, 30,2% di que non sentía representado por ningún partido.

Cambiaron o seu voto

Segundo o estudo difundido esta cuarta feira, 9% dos galegos e galegas que acudiron ás urnas cambiaron o seu voto durante a campaña electoral e, deles, o 88% só fixérono unha vez, fronte ao 5,9% que cambiaron ata en dúas ocasións a súa decisión. Isto é, 7,9% das persoas entrevistadas cambiaron o seu voto nunha ocasión durante o tempo de propaganda electoral.

Á pregunta de cal cre que foi o tema máis debatido durante a campaña electoral, a Lei de amnistía (11%) sitúase como primeira cuestión, seguido de sanidade (8,4%), medio ambiente-pellets (6,8%), as disputas entre partidos (4,8%) e como quinto asunto, a crise económica e suba de prezos (3%).

Dos entrevistados,  40,6% di que se informou da campaña pola televisión e 19,6% a través da prensa dixital. Por parte da prensa escrita, o 8,4% declara facelo, pero son máis a través da radio (9,8%) e redes sociais (12,2%).

Outra das preguntas que fai a enquisa do CIS é se durante a campaña os entrevistados acudiron a algún almorzo, xantar ou cea dalgún partido ou coalición, ao que responden afirmativamente 2,2%. Deles, o 67,5% acudiron a unha comida ou evento deste tipo do PP, o 15% a un do BNG e un 13,1%, do PSOE.

Identidade

A enquisa do CIS tamén pregunta polo sentimento de pertenza. Unicamente español sitúase 4,1% dos enquisados, mentres que máis español que galego declárase 2,9%. O 68% di sentirse tan español como galego e 1% máis galego que español, fronte  a 6% que se percibe unicamente galego.

Comentarios