Besteiro advirte da falta de peso político de Rueda: "Está preso de Ayuso e Feixoo"

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que é o "momento" de que Galiza "lle diga non ao PP".
53491999917_49f26c32df_o
photo_camera 53491999917_49f26c32df_o

José Ramón Gómez Besteiro lamentou que Galiza perde "moitos cartos e oportunidades económicas" polo "pouco peso político" do candidato do PP.

O candidato socialista, que interveu xunto á portavoz do PSOE, Esther Peña, a cabeza de lista de Pontevedra, Elena Espinosa, e a alcaldesa Digna Rivas, dixo que "a falta de liderado de Rueda" fai que Galiza "pague as consecuencias do PP que manda, o de Ayuso, aliada co PP de Portugal para rexeitar o AVE a Galiza e priorizar a conexión Lisboa-Madrid, ante a impasibilidade do candidato do PP galego".

"Non queremos a un Rueda calado, recibindo ordes de Madrid contra os intereses de Galiza", salientou, pregado á estratexia de Ayuso e Feixoo.

Vigo-Porto-Lisboa

Fronte a iso, Besteiro comprometeuse a "priorizar o AVE Vigo-Porto-Lisboa", que resulta "esencial para a economía" galega e para o que conta co apoio dos socialistas de Portugal. Por iso, o dirixente socialista avanzou que vai pedir "un pronunciamento expreso" de Rueda e do PP para modificar os regulamentos europeos e incorporar á liña da Rede Transnacional Europea en abril, permitindo introducir pasaxeiros e mercadorías.

Durante a súa intervención, tamén reivindicou a xestión do Goberno para "situar a AP-9 no camiño da gratuidade" e defendeu que a decisión da gratuidade "tomarase a través dun goberno durante catro anos con Pedro Sánchez á fronte, pese a quen lle pese".

Pola súa banda, a cabeza de lista por Pontevedra, Elena Espinosa, apuntou que o candidato socialista é "a persoa na que todos teñen que depositar a confianza" para "facer que o país cambie definitivamente, para unir aos concellos co goberno, sen discriminar a ninguén, como fai a Xunta dirixida polo PP".

Enquisas

Por outra parte, a cabeza de lista do PSdeG pola Coruña, Patricia Iglesias, pronunciouse este domingo sobre as enquisas publicadas nas últimas horas, como do instituto EM-Analytics para Nós Diario, para asegurar que se "constata a remontada sen reservas" dos socialistas e sinalou que "cantos máis galegos coñecen a Besteiro, mellores son a súa valoración e liderado", que cualifica de "audaz, valente e seguro".

Así, engadiu que "as calidades do candidato socialista son o trampolín que vai levar os socialistas á Presidencia da Xunta" e que demostran que "é o único partido capaz de liderar o cambio seguro na Galiza".

Comentarios