18-F

PP, BNG e PSdeG debullan as prioridades enerxéticas da Galiza: cal debe ser o modelo do futuro?

No contexto actual de transición ecolóxica e produción eléctrica procedente de fontes renovábeis urxe a definición dun modelo enerxético para a Galiza que vén. O sistema vixente, en mans do oligopolio eléctrico, denuncia un amplo sector da sociedade galega, non ofrece garantías ambientais, frea o desenvolvemento territorial e non achega retorno socioeconómico ao pobo. Táchano de abusivo para un territorio como o galego convertido en "zona de sacrificio". PP, BNG e PSdeG debullan as prioridades enerxéticas da Galiza.  
 
Moisés Rodríguez (PP), Xosé Manuel Acuña (BNG) e Elena Espinosa Mangana (PSdeG). (Foto Nós Diario)
photo_camera Moisés Rodríguez (PP), Xosé Manuel Acuña (BNG) e Elena Espinosa Mangana (PSdeG). (Foto: Nós Diario)

Moisés Rodríguez Pérez, candidato número 16 do PP por Pontevedra. Licenciado en Empresariais, deputado e ex alcalde de Tui

WhatsApp Image 2024-01-24 at 17.13.03

O modelo enerxético para a Galicia do futuro debe ser sustentable e accesible. É a liña na que vén traballando a Xunta nos últimos anos. Un modelo enerxético que dea impulso ao despregamento das renovables e que, ao mesmo tempo, fomente o autoconsumo para que, non só a nivel industrial, senón, tamén doméstico, os galegos e as galegas se poidan beneficiar dun prezo eléctrico máis competitivo e poidan ver reducida a súa factura da luz.

Con ese ánimo naceu a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia que xa está en trámite no Parlamento. E, con ela, a sociedade Recursos de Galicia (RDG). Dúas iniciativas promovidas pola Xunta que van ser clave para conseguir un obxectivo que ten que ser o eixo deste novo modelo enerxético: que o aproveitamento dos nosos recursos naturais xere un retorno na industria, pero tamén nos núcleos de poboación onde se asentan os proxectos, que van ver reducidos os seus custos enerxéticos.

A liña de traballo é sentar as bases dunha industria verde e innovadora

Trátase de promover o autoabastecemento. Temos capacidade instalada para seguir sendo un referente en xeración renovable; de feito, xa o somos en eólica terrestre ou na hidráulica. Neste contexto, a Axenda Enerxética de Galicia prevé que, de cara ao 2030, o 85% da xeración eléctrica na comunidade proceda de fontes renovables, e que melloremos un 40% a eficiencia enerxética no consumo final fomentando a cultura do aforro nos fogares e o tecido produtivo.

A liña de traballo é, polo tanto, sentar no noso territorio as bases dunha industria verde e innovadora, aproveitando o marco de investimentos dos fondos europeos. Facela, ao mesmo tempo, menos dependente dos combustibles fósiles, de modo que poida autoabastecerse de enerxías limpas e rebaixar, así, os seus custos de electricidade. E a integrar no noso mix enerxético novas fontes renovables como o hidróxeno verde, a partir do desenvolvemento de tecnoloxías e proxectos relacionados co almacenamento enerxético, o autoconsumo ou a mobilidade sustentable.

Por aí é por onde pasa o futuro da enerxía: pola descarbonización da industria, polo despregamento das renovables e o autoconsumo, e pola cultura da eficiencia enerxética en todos 
os ámbitos.

Xosé Manuel Golpe Acuña, candidato número 9 do BNG pola Coruña. Enxeñeiro técnico industrial e experto en enerxías renovábeis

GD4p6exWoAA0jY7

O modelo enerxético do BNG para este país baséase en catro piares fundamentais e o primeiro deles é a sostibilidade medioambiental. Non queremos un modelo baseado no gas, senón un que camiñe cara ao 100% renovábel, na medida do posíbel, para que a Galiza sexa o máis autosuficiente posíbel. Sabemos que somos excedentarios a maior parte do tempo, mais tamén somos conscientes de que, durante algunhas épocas do ano, o país depende de fontes externas. Queremos traballar nese eido para chegar, de ser posíbel, á máxima independencia enerxética do Estado español en materia de renovábeis. 

O modelo enerxético que defende o BNG tamén é economicamente sustentábel. Isto é, traballaremos para que os rendementos de xerar enerxía na Galiza fiquen no país. Temos unha vella demanda, que aínda segue vixente, que é a Tarifa Eléctrica Galega, que non é máis que compensar este país por todo o que leva sufrido por producir enerxía eléctrica para outros territorios. Exemplo disto son os asolagamentos dos vales nas concas dos ríos Miño e Sil e noutras moitas do país, as centrais térmicas de Meirama e das Pontes, onde hai agora mesmo un problema de emprego porque a transición non está a ser o xusta que debería ser. Os agravios medioambientais increméntanse baixo a ameaza de empresas co CIF en Madrid onde aquí non pagan impostos. 

Traballaremos para que a Galiza sexa o máis autosuficiente posíbel

Así, buscaremos que o desenvolvemento enerxético da Galiza estea protagonizada por si propia, polo tecido industrial e pola Administración galega. Nesta liña, sitúase outro piar fundamental no noso modelo: unha empresa pública de enerxía, o suficientemente competente para recuperar a participación nas centrais cuxas concesións rematen, para vixiar e recuperar rédito económico nas novas promocións de polígonos eólicos e para fomentar o aforro enerxético en todos os edificios dependentes da Administración galega.

Outro dos aspectos fundamentais do modelo enerxético do BNG é o I+D+i, pois na actualidade non existe, e desenvolver ferramentas para que o país se desenvolva enerxeticamente. Queremos traballar coas universidades para crear centros de investigación que nos sitúen á vangarda das enerxías renovábeis. En definitiva, a sostibilidade ambiental e económica, a empresa pública de enerxía e o I+D+i que defende o BNG teñen, como obxectivo, crear emprego e fixar poboación. 

Elena Espinosa Mangana, cabeza de lista do PSdeG por Pontevedra. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais

elena espinosa

Galicia está quedando atrás. Vai a remolque do resto de España na creación de emprego e dinamismo económico e non se pode desligar esta realidade da incompetente política enerxética da Xunta. O PP practica o retardismo climático arrastrado pola posición negacionista da ultradereita. 

Malia termos unha gran riqueza de recursos enerxéticos renovables autóctonos, estamos moi lonxe de cubrir as nosas necesidades enerxéticas sen recorrer aos combustibles fósiles. O PP condenounos a unha década perdida en desenvolvemento renovable. José Ramón Gómez Besteiro ten claro que temos que avanzar na transición enerxética co obxectivo de converter Galicia en líder en renovables sostibles para impulsar a descarbonización da economía galega mediante a participación público-privada en colaboración cos investidores privados. 

Ante a transición ecolóxica, os socialistas temos claro cales son os obxectivos dunhas políticas vitais para o noso futuro. O PSdeG aposta por un despregue renovable ordenado e planificado, que teña en conta axentes sociais e comunidades afectadas, como xa fixemos co Pacto Eólico. O noso Goberno priorizará aqueles proxectos que xeren sinerxías e beneficio social. Un desenvolvemento harmonioso coa biodiversidade e coa nosa riqueza patrimonial. Galicia debe aproveitar as solucións que permitan un papel máis activo de cidadáns e pemes no sistema enerxético e dar un salto na democratización do noso sistema enerxético mediante o autoconsumo, as comunidades enerxéticas e o dereito a compartir enerxía.

Hai que dar un salto na democratización do sistema enerxético

A mellora da eficiencia enerxética será outro dos eixes para a modernización do sector. Para iso, necesitamos avanzar na electrificación da demanda e promover solucións eficaces. Sen dúbida repercutirá en facturas máis baixas e maior competitividade para a industria.

Na senda da neutralidade climática imos impulsar os gases descarbonizados renovables. O biogás eríxese clave para dar saída aos residuos da produción agroalimentaria. Galicia debe impulsar proxectos de aproveitamento de implantación local, descentralizados e abertos aos axentes locais. Imos apostar polo hidróxeno verde como vector enerxético de futuro que atraerá industria limpa. O PSdeG impulsará proxectos de produción do hidróxeno verde como reclamo para a fixación de industria en Galicia aproveitando o forte impulso inversor do Goberno de España.

Comentarios