Redondela cobrará a Audasa un 1.900% máis de IBI polo paso da autoestrada polo concello: "É de xustiza"

Este ano remata a bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmóbeis da que se beneficiaba Audasa, a empresa concesionaria da autoestrada, polo que o recibo subirá este ano de 7.027 a 140.553 euros.
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Foto: Arxina).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela. (Foto: Arxina)

O recibo da contribución que Audasa abona ao Concello de Redondela polo paso da autoestrada AP-9 polo seu municipio incrementarase este ano dos 7.027 euros actuais até os 140.553 —traducido nun incremento de 1.900,2%. Este aumento é posíbel debido a que remata a obriga que os Concellos tiñan que aplicar por lei e que ascende ao 95% de rebaixa no IBI.

Un Real Decreto de 2000 estabeleceu unha cláusula que fixa que esa bonificación caducaría "a partir do día 19 de agosto do ano 2023 inclusive", no caso das autoestradas da Galiza. Deste modo as arcas municipais de Redondela verán incrementada a recadación en concepto de Imposto de Bens Inmóbeis en máis de 133.000 euros no recibo actualizado a Audasa.

A alcaldesa, a socialista Digna Rivas, valora de forma "moi positiva" esta inxección económica para o Concello grazas á eliminación da bonificación á AP-9. "Trátase dunha cuestión de xustiza, xa que Redondela, e especialmente Chapela, deben convivir a diario cos problemas que xera a autoestrada, que divide a parroquia", sinala a rexedora.

O feito de ter que "soportar esta infraestrutura" verase agora "recompensado", salienta Rivas, co pagamento íntegro do imposto, "o que redundará en máis ingresos para o Concello e a posibilidade de ofrecer máis e mellores servizos para a veciñanza".

Para facer o cobro actualizado do IBI neste exercicio de 2024 non será necesario realizar ningún trámite, simplemente que a oficina de recadación traslade á empresa o recibo actualizado coa nova cantidade, de 100% do IBI.

Comentarios