APóS AS 6 NOVAS IMPUTACIóNS

Besteiro fai pública a súa renuncia a aspirar á Xunta e confirma que se mantén como secretario xeral do PSdeG

Todo apuntaba a que así o faría e, finalmente, pasadas as 18h, José Ramón Besteiro anunciaba publicamente a súa renuncia a participar nas eleccións primarias dos socialdemócratas para elixir candidato ou candidata á presidencia da Xunta. Besteiro mantense como secretario xeral malia as dez imputacións que pesan sobre el.

[Imaxe: PSdeG] Besteiro con Pedro Sánchez
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Besteiro con Pedro Sánchez

José Ramón Besteiro non será o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galiza. As súas dez imputacións, após as seis novas que se coñeceron onte, deixaba o líder socialdemócrata lastrado, mais non foi até a tarde do sábado cando o propio Besteiro comparecía diante da prensa para comunicar a súa decisión.

“Sempre dou a cara e nunca escapo da miña responsabilidade”, salientaba o socialdemócrata perante os medios após a Executiva do PSdeG convocada de urxencia a petición do propio Besteiro, que se declarou “profundamente orgulloso” de ter presidido a Deputación de Lugo, do seu equipo de Goberno e dos traballadores e traballadoras do ente provincial cos que traballou.

Viaxes a Eurodisney

Na súa comparecencia, acompañado de todos os membros da Executiva, Besteiro recoñeceu viaxes a Eurodisney, "pero é certo que eu non era presidente". "É certo que houbo viaxes polo Rihn, pero é certo tamén que eu non era o presidente". "É certo que houbo viaxes á India, pero é certo que eu non era presidente", apuntou.

Após recibir o aplauso e apoio da Executiva, o líder do PSdeG sinalou que haberá primarias para a elección do próximo secretario ou secretaria xeral. "Abriremos un proceso para elixir candidato ou candidata do PSdeG á Xunta e, posteriormente, tamén elixiremos a través de primarias o candidato á secretaría xeral". Non revelou se se candidatará á Secretaría Xeral, posto que, polo de agora, seguirá ocupando.

Na tarde da sexta feira coñecéronse as seis novas imputacións de Besteiro no marco da “Operación Polbo”, onde se investigan adxudicacións irregulares da Deputación de Lugo. Sobre o socialdemócrata pesan outras catro imputacións no marco do caso urbanístico do Garañón.

Ao longo deste sábado, coñecéronse as reaccións das formacións políticas a nivel nacional e estatal.

Comentarios