18-F

Besteiro comprométese a fomentar o consumo de peixe do cerco nos comedores escolares como hábito saudábel

O candidato do PSdeG comprometeuse á ampliación do dique de abrigo da localidade cando sexa presidente da Xunta e a sacar á Consellaría do Mar do "actual estancamento".
José Ramón Gómez Besteiro reuniuse hoxe con representantes co cerco e a confraría. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro reuniuse hoxe con representantes co cerco e a confraría. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, apostou esta sexta feira por "introducir o peixe dúas ou tres veces por semana nos menús dos comedores escolares" e promover campañas que inciten ao consumo deste produto como hábito saudábel e como forma de mantemento dun sector moi importante na Galiza, como o da frota do cerco.

"O cerco é, ademais, a arte de pesca máis sostíbel medioambientalmente e que redunda directamente na economía do país", manifestou Besteiro esta sexta feira tras reunirse en Malpica (Bergantiños) coa Asociación de Armadores do Carco da Galiza (Acerga) e o seu presidente, Alberto Castro, así como co patrón maior e os socios da confraría de pescadores da localidade.

No acto, do que informou do PSdeG nun comunicado, Besteiro comprometeuse á ampliación do dique de abrigo da localidade cando sexa presidente da Xunta e a sacar á Consellaría do Mar do "actual estancamento". Ademais, anunciou a posta en marcha de medidas de apoio para a adaptación do sector aos novos procesos, que inclúen a dixitalización total dos controis pesqueiros.

Besteiro apelou á necesidade de colaboración e traballo conxunto entre administracións e mesmo coa Unión Europea para conseguir obxectivos satisfactorios para os intereses galegos e lembrou que "[Alfonso] Rueda non pisou Bruxelas desde que é presidente da Xunta". "Nós cremos que temos que estar presentes onde están os intereses da nosa xente", afirmou.

Así, lembrou que a Xunta do PP non executou o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), perdendo unha grande oportunidade para modernizar o sector pesqueiro. "Un exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta o últimos dez anos", afirmou.

Ademais, constatou a "necesidade de recuperar un organismo semellante ao FROM, que promova o consumo de peixe fresco ante o cambio de modelo de alimentación e cultural" da sociedade. Unha proposta coa que coincidiu o representante de Acerga, xa que, segundo indicaron, o consumo de peixe descendeu un 32% na última década no Estado español.

No acto, os representantes de Acerga lembraron e agradeceron o apoio á frota do cerco do agora candidato á Xunta cando estaban acampados ante a Xunta para protestar polos recortes nas cotas de xurelo.

Comentarios