18-F

Besteiro comprométese a ampliar a gratuidade das primeiras matrículas a másteres e materias de grao

O candidato do PSdeG asegura tamén que o seu goberno contará cunha consellaría integrada de Universidades, Ciencia e Innovación.

O aspirante socialista a gobernar Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, esta sexta feira, cos reitores da UVigo, a USC e a UDC. (Foto: Europa Press)
photo_camera O aspirante socialista a gobernar Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, esta sexta feira, cos reitores da UVigo, a USC e a UDC. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse esta sexta feira a completar a educación gratuíta a todos os niveis, coa incorporación da primeira matrícula dos másteres e das materias de grao. Ademais, asegurou que o seu goberno contará cunha consellaría integrada de Universidades, Ciencia e Innovación.

Besteiro lanzou esta promesa no seu primeiro acto de campaña, que organizou na Cidade das TIC, erixida nos terreos da antiga fábrica de armas da Coruña, onde se reuniu cos reitores das universidades públicas galegas. No encontro participaron o responsábel da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o da de Santiago de Compostela, Antonio López, e o da da Coruña, Ricardo Cao.

Na súa intervención, o aspirante socialista a liderar San Caetano dixo que se trata dunha proposta realista e viable para garantir ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) os fondos necesarios para implantar o primeiro máster para os alumnos e alumnas universitarios, que terían un custo ao redor dos 4 millóns de euros e que se suma á proposta socialista de asumir a primeira matrícula de grao gratuíta.

O aspirante socialista a liderar San Caetano dixo que se trata dunha proposta "realista e viábel" para garantir ao Sistema Universitario da Galiza (SUG) os fondos necesarios para implantar o primeiro máster para os alumnos e alumnas universitarios, que terían un custo que roldaría os 4 millóns de euros e que se suma á proposta socialista de asumir a primeira matrícula de grao gratuíta, cun custo estimado, neste caso, de 18 millóns, o que fai un total de 22 millóns de euros.

Tamén apostou por incrementar o financiamento estrutural das universidades, cumprindo coa Lei do Sistema Universitario, que fixa en 2030 alcance o 1% do PIB, xa que actualmente o financiamento do SUG supón un 0,9%. O dirixente socialista explicou que para que a gratuidade das matrículas non afecte ao financiamento universitario, o custo da medida non será utilizada para o cálculo da porcentaxe do PIB do financiamento público universitaria. Tamén defendeu unha modificación no modelo de xestión dos fondos cara a unha práctica xestión "áxil, eficiente e efectiva" dos recursos dispoñíbeis.

Besteiro defendeu a proposta de implantar a primeira matrícula universitaria gratuíta, que nos últimos días tamén lanzou o candidato popular, Alfonso Rueda. Precisamente, o socialista lembrou que o PSdeG reclama desde hai anos esta medida no Parlamento galego, a última vez no Debate do Estado da Autonomía, cando o PP votou en contra da proposta.

Medida aplicada en Lugo

O socialista, que foi presidente da Deputación de Lugo, lembrou que esta medida xa foi aplicada desde esta institución no Campus de Lugo hai dez anos, e sinalou que "é bo que Rueda copie agora esta medida socialista". Tamén propuxo modificar a regulación dos ensinos universitarios oficiais de grao e máster universitario, cun novo decreto consensuado coas universidades e derrogando o actual. Deste modo, fixaría as condicións de implantación, mantemento e oferta dos títulos nos diferentes campus, incrementando a responsabilidade e a autonomía das universidades sobre a súa oferta académica.

Docencia

No acto, e en declaracións aos medios, Besteiro tamén apostou por impulsar os itinerarios de docencia dual tamén nos graos e másteres universitarios, concretamente os que están relacionados cos sectores produtivos, simplificando a súa tramitación e xestión, e incrementando a participación das empresas. Este modelo só se aplica neste momento en Enxeñaría Eléctrica no Campus Industrial de Ferrol e o próximo curso empezará en Enxeñaría da Automoción no Campus de Vigo.

Na reunión, tamén defendeu reclamar a transferencia á Galiza da xestión das bolsas universitarias, así como incrementar as axudas para a realización dos programas de especialización. Ademais, explicou que o obxectivo é aliviar ás familias galegas dun gasto que en moitas ocasións queda fóra do seu alcance. No acto, anunciou que o seu goberno contará cunha consellería integrada de Universidades, Ciencia e Innovación, así como unha axencia que agrupe os investimentos en innovación e promoción económica.

Por último, comprometeuse a acordar unha nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación no primeiro ano de mandato e a impulsar un Pacto Galego pola Ciencia e a Innovación, co obxectivo de incrementar o investimento en I+D+I, incorporar a carreira científica e un plan de captación de talento.

Comentarios