18-F

Besteiro compromete un gran acordo de país para xerar 100.000 postos de traballo

Nun acto co ex presidente español José Luis Rodríguez Zapatero asegura que “queda unha semana para que a Galiza cambie de rumbo cara a un futuro máis próspero e igualitario”

Besteiro e Zapatero, este domingo, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Besteiro e Zapatero, este domingo, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este domingo en Ferrol que "a mentira envolve ao Partido Popular" e acompaña ao titular do Goberno galego e aspirante popular á reelección, Alfonso Rueda, e avisou de que o próximo 18 de febreiro "vai haber sorpresa" tendo en conta que empeza a "elevarse a temperatura" da campaña.

Besteiro pronunciouse deste xeito despois de que varios medios publicaran a última hora do sábado que o líder o PP, Alberto Núñez Feixoo, estaría aberto a un indulto a Puigdemont condicionado a que sexa xulgado e que rexeite a vía unilateral e de que, instantes despois, o PP matizara que, as súas condicións "non se deron cos indultos do procés".

Nun acto decorrido na praza da Constitución de Ferrol xunto ao ex presidente do Goberno español José Luis Rodríguez Zapatero e ante unhas 600 persoas, Besteiro dixo que a "mentira" tamén acompaña a Rueda na Galiza como se demostrou "coa crise dos pellets".

"Mentira, mentira e mentira", censurou para soster que o próximo 18 de febreiro os votantes socialistas conseguirán que "as mentiras" saian do Goberno da Xunta.

Precisamente, na súa intervención, Zapatero chamou aos galegos para apoiar o próximo 18 de febreiro o candidato socialista para dar unha "lección nas urnas" aos que "crispan, tensionan e embarran en balde".

Gran acordo

Na súa intervención, Besteiro comprometeu que cando sexa presidente liderará un acordo de país con empresarios e sindicatos para mobilizar 10.000 millóns de investimento e conseguir que o PIB industrial pase do 16% actual ao 20%, que é a medida española, o que vai supor 100.000 empregos no sector industrial e noutros sectores económicos.

Así mesmo, sostivo que foron os socialistas os que puxeron a "Ferrol a navegar de novo" e referiuse á "aposta sen precedentes liderada polo Goberno de España para reindustrializar a comarca de Ferrol".

Deste xeito, citou a construción das fragatas F-110, a modernización das F-100, a construción dun novo Buque de Aprovisionamento en Combate (BAC) e a fábrica de bloques de Navantia, entre outros investimentos. "Un esforzo importantísimo para apuntalar o presente e o futuro desta cidade e desta comarca", sostivo. Tras iso, incidiu na importancia de que o PSOE siga liderando a transformación de Ferrol e da Galiza cara a un futuro máis próspero e igualitario. "Só queda unha semana para cambiar o rumbo e para dicirlle adeus a un PP cada vez máis integrista, rancio e inmobilista", sinalou.

Comentarios