18-F

Besteiro promete unha AP-9 gratuíta e a reactivación do marisqueo na ría do Burgo

“Só os socialistas fomos quen de recuperar a Ría do Burgo, unha demanda histórica de Culleredo, fronte a un PP que funciona mal e só para os seus”

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, participou nun acto público en Culleredo (comarca da Coruña). (Foto: Nós Diario)
photo_camera O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, participou nun acto público en Culleredo (comarca da Coruña). (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este sábado en en Culleredo, que "faremos a Gran Coruña, a cidade ben conectada coa súa área metropolitana, e será imparábel".

Besteiro considera imprescindíbel que a comarca conte cun Consorcio de Transporte Metropolitano que conecte toda a área metropolitana cun servizo público de transporte “eficaz, puntual, con ampliación de frecuencias, horarios e destinos, verde e de calidade”. Segundo o candodato do PSdeG, “a mobilidade da cidadanía en transporte público é un dereito que non entende de límites municipais nin administrativos”.

Un transporte metropolitano que verá “complementada a mobilidade coa gratuidade da peaxe da AP-9”, a Autoestrada do Atlántico. Así, Besteiro comprometeuse a facer 100% gratuíta a AP-9 se gaña as eleccións.

Ría limpa

O candidato socialista amosouse satisfeito de que “por fin, unha demanda histórica desta vila, dos seus veciños e veciñas e dos seus alcaldes, sexa xa unha realidade no próximo mes de abril” en referencia á actuación de descontaminación e recuperación da ría do Burgo. “Tivéchedes que agardar 33 anos, para que alguén tivera a sensibilidade de arranxar esta desfeita: o goberno de Pedro Sánchez”, afirmou Besteiro.

Segundo dixo, “esta actuación suporá ‘un antes e un despois’ para o futuro de Culleredo e a calidade de vida de todo o contorno da ría. Será algo moi parecido ao que pasou en Bilbao e suporá o despegue definitivo de Culleredo medioambiental, económico e social”.

O candidato socialista apuntou que, ademais, da recuperación da biodiversidade e a pureza da auga, Culleredo tamén medrará económica e socialmente “porque volverá reactivarse unha actividade tan importante como o marisqueo, pero tamén porque as instalacións da antiga Cros albergarán o Centro de excelencia para a Competitividade en Economía Circular, un centro pioneiro de investigación punteiro en Europa, “que se converterá en polo de atracción doutras empresas desenvolvendo unha economía circular”.

Comentarios