MALIA O REXEITAMENTO DO BNG

Besteiro certifica que Martínez será o candidato para presidir a Deputación de Lugo

O secretario xeral do PSdeG considera que o alcalde de Becerreá “ten un expediente de solvencia que o fai merecedor” do cargo.

Ramón Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario).


O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, será o candidato socialista para presidir a Deputación de Lugo malia que o BNG, co que negocia un pacto de goberno, rexeitou a elección do rexedor por encontrarse imputado.

“É certo que temos aberto un espazo de diálogo con outros partidos políticos para renovar todas as corporacións provinciais, mais o candidato do PSOE é Manuel Martínez”, certificou Besteiro, en declaracións recollidas por Europa Press. 

O líder dos socialistas galegos asegurou que Martínez “ten un expediente de solvencia que o fai merecedor” do cargo e pediu “respecto persoal e institucional”. Descartou porén que este extremo impida alcanzar “un acordo plenamente democrático” e “un compromiso mutuo” dos partidos para gobernar a próxima lexislatura nos entes provinciais.

Veto “caprichoso e antidemocrático”

Besteiro acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de vetar de forma “antidemocrática” a súa designación como senador provincial. “É un bloque sen sentido, un aprazamento caprichoso que di moito de quen o fai”, manifestou o secretario xeral do PSdeG.

Cuestionou así “os valores democráticos” de Feijóo por ser “capaz de vetar algo que non ten precedentes na historia autonómica deste país". Sinalou o atraso de tres anos na renovación do Consello de Contas, que considerou responsabilidade do presidente galego.

Comentarios