18-F

Besteiro afea a ausencia do PP do debate de RTVE, que ve o "reflexo" da súa "falta de proxecto"

O candidato socialista móstrase convencido de que a cidadanía "está a sumarse" ao proxecto "ilusionante e ambicioso" que representa o PSOE.
O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, en Santiago. (Foto: Europa Press)

O aspirante socialista a liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou esta terza feira que a ausencia do Partido Popular do debate que organiza RTVE para esta cuarta feira é o "reflexo" da súa "falta de proxecto" para Galiza. En declaracións aos medios no marco dunha visita ás instalacións dunha empresa no polígono de Santiago, Besteiro enmarcou esta ausencia dos conservadores na "incomparecencias" do PP durante os últimos anos. "Estes 15 anos foron os 15 anos da apatía, do desinterese, da inacción e da falta de proxecto", apuntou.

Neste sentido, reprochou ao PP que "non da cara por Galiza" e sinalou que, fronte a iso, el ofrecerá aos galegos "unha forza política que quere cambiar Galiza". "Pero non só cambiar ao PP, senón transformar Galiza e apostar por unha Galiza mellor para os próximos anos", afirmou.

Enquisas

Ademais, preguntado pola tendencia das diferentes enquisas publicadas nos últimos días, o candidato do PSdeG insistiu en que a "mellor enquisa" é a do próximo domingo, 18 de febreiro, coa celebración das eleccións, e reivindicou o PSOE como o "cambio solvente".

Na súa intervención, mostrouse convencido de que a cidadanía "está a sumarse" ao proxecto "ilusionante e ambicioso" que representa o PSOE. "O que ofrecemos, ademais, é cambiar para gobernar", afirmou Besteiro, que trasladou aos cidadáns e cidadás que, máis aló dun "simple cambio de partido", o seu partido representa un "cambio solvente, de futuro, para transformar Galiza e para aproveitar as inmensas oportunidades que ten o país".

Ademais, preguntado sobre se teme que o BNG roube votos do espazo da esquerda ao PSOE, Besteiro rexeitou utilizar "o termo temor". "Eu creo que nos temos que dirixir aos cidadáns, que son sabios", manifestou.

Por último, considerou que nesta última semana "haberá sorpresas". "E eu creo que o PSOE vai ter un protagonismo que moita xente confía neste país espera e merece ademais", trasladou.

Comentarios