18-F

Isabel Faraldo: "Se Pablo Iglesias estivese na Galiza votaría por min"

Belarra e Montero abeiran este sábado a candidata de Podemos: "O noso proxecto ten que estar no Parlamento".

Isabel Faraldo e Ione Belarra no Congreso español. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Isabel Faraldo e Ione Belarra no Congreso español. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

A candidata de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, posicionouse esta cuarta feira sobre a súa relación co ex líder de Podemos, Pablo Iglesias, despois de que Diario Red, medio que dirixe o ex vicepresidente do Goberno español, defendera nun editorial que a mellor decisión da militancia do partido morado na Galiza fora rexeitar a coalición con Sumar e pedir o voto para o BNG.

Cuestionada sobre isto, Faraldo manifestou estar "segura e convencida" de que Iglesias "non deixará de estar pegado" á súa candidatura tras a consulta na que a militancia de Podemos na Galiza "nun 63% rexeita por completo esa coalición".

"Se lle preguntasen directamente a Pablo Iglesias neste momento a quen votaría hoxe se estivese na Galiza a min non me cabe dúbida e é unha honra saber que me votaría a min", apuntou. "A relación é boísima", aseverou.

Tombar enquisas

A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, e a ex ministra de Igualdade e candidata da formación morada nas elección do Parlamento europeo, Irene Montero, abeirarán a candidata do seu partido á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, no primeiro acto da formación no país. Será este sábado, día 10, na Coruña, no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco).

"Estamos ilusionadas, comprometidas e, o máis importante, estamos moi convencidas de que o noso proxecto ten que estar no Parlamento galego", manifestou Faraldo tras o anuncio deste mitín de campaña. "Sei que as enquisas non nos son favorábeis, pero tamén sei que o partido se xoga até o último minuto e vin ao longo destes dez anos como as urnas tomban enquisas", apuntou.

"Nós imos traballar, traballar e traballar", dixo para reivindicar, a colación, entre outras medidas, a implantación da Lei de Vivenda na Galiza. Fíxoo tras lembrar a "escalada de prezos imparábel", tanto no prezo da hipoteca como dos alugueres, do momento actual que "non permite a moitas familias respirar".

"O 40% dos ingresos das familias dedícanse á vivenda", lembrou, mentres os prezos dos alugueiros "subiron nos últimos anos máis dun 60%". "Non entendemos por que esa lei non está a ser de obrigado cumprimento".

Comentarios