Podemos denuncia o "asalto" aos seus despachos no Congreso e a retirada dos seus materiais

A formación morada sinala indirectamente a Sumar, que replica que é un movemento normal na Cámara e lembra que levaban tempo esperando que se "mudasen" as catro deputadas de Podemos após marcharen ao Grupo Mixto.
A deputada e secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera A deputada e secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, no Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

Podemos e Sumar protagonizaron esta semana un novo choque desde a súa separación, esta vez a conta da súa localización nos despachos dos deputados morados no Congreso. Así, a formación que lidera Ione Belarra denunciou ante a Policía e a presidenta do Congreso, Francia Armengol, o acceso "irregular" ás dependencias que usaban os seus parlamentarios cando estaban en Sumar e a extracción dos seus obxectos persoais a unha zona común do Congreso.

Mentres, Sumar defende que se trata dun movemento "normal" na Cámara por desaloxo de dependencias, e, de feito, a formación que lidera Yolanda Díaz precisa que levaba tempo esperando a saída dos 'morados' tras o seu paso ao Gupo Mixto para recolocar nesas estancias da cuarta planta a persoal do grupo plurinacional.

A polémica, segundo avanzou o xornal El Independiente, vén pola situación lindeira dos deputados morados e Sumar nos despachos da cuarta planta do Congreso, onde seguían situados tras a ruptura da coalición e que copa maioritariamente Sumar. Así, os morados puxeron en coñecemento da Policía Nacional a "entrada forzada" nos seus despachos e retirada dos materiais de traballo —documentos, dispositivos informáticos, obxectos persoais, entre outros— dos seus representantes nun corredor da Cámara.

Segundo indicaron fontes do partido morado á axencia Europa Press, Podemos non recibiu ningunha notificación oficial do Congreso relativa ao desaloxo deses despachos e considera de "máxima gravidade" os feitos. En consecuencia, tamén pediu amparo á presidenta do Congreso, Francina Armengol, para que garanta os dereitos dos seus catro deputados e identifique os responsábeis que sacaron estes obxectos "sen permiso". Ademais, demanda á Policía que esclareza estes feitos por se fosen constitutivos de delito.

Pola súa parte, o secretario xeral do grupo de Sumar no Congreso, Txema Guijarro, manifestou aos medios que foi a Mesa do Congreso a que acordou o cambio dos despachos unha vez que Podemos abandonou en decembro o grupo plurinacional para pasar ao Mixto, unha situación que consideran "habitual" e que se exerceu noutras ocasións "con toda normalidade".

De feito, Guijarro remarcou que Sumar levaba tempo "esperando" a que se producise esa mudanza dado que teñen persoal que require desas dependencias para facer o seu traballo no grupo parlamentario. "Sinxelamente esperamos que isto se resolva canto antes e podamos empezar a traballar cando antes, porque por desgraza aínda temos a compañeiros que non se poden instalar a nivel laboral", resolveu.

Os despachos do Congreso non son persoais, senón que a Cámara os asigna aos grupos parlamentarios en función dun acordo de distribución que se adopta ao comezo de cada lexislatura. E cando hai substitucións ou cambios dun grupo a outro, dáse un tempo para desaloxalos ou ben o persoal da Cámara procede a baleiralos.

Comentarios