COMUNICACIÓN DA PORTAVOCÍA NACIONAL DE ANOVA

Beiras: “O obxectivo non pode limitarse a conquerir un grupo parlamentar galego”

O portavoz nacional de Anova advirte sobre que se estea a “construír a nosa casa común polo tellado” e defende un 'suxeito político galego' que non sexa “apendicular dunha candidatura estatal” e que estea artellado polas marés, o “tecido asociativo cidadán” e as forzas e partidos “da esquerda rupturista”.

Beiras, no acto de Anova en Bonaval
photo_camera Beiras, no acto de Anova en Bonaval

Xosé Manuel Beiras considera que as vindeiras eleccións estatais son unha “ocasión histórica ineludíbel para recuperarmos a democracia” e que é unha obriga das organizacións “cívicas, sociais e políticas leais á cidadanía do común” o interpretalas e asumilas así. Trataríase, reflexiona o portavoz nacional de Anova nunha declaración publicada este sábado 29 de agosto, de “dar remate ao apodrecido rexime actual” e abrir unha “creba ou ruptura democrática”, algo que temen e que teñen ben claro, di, os “partidos do réxime”, que estarían á procura “dun acordo” que lle permita “furtar” á cidadanía a “apertura dun novo ciclo histórico-político”, mantén Beiras.

Partindo desta análise, o dirixente de Anova considera que as forzas e organizacións que apostan nun cambio “andamos a comezar a construción da nosa casa polo tellado” no canto do que entende que terían que facer: fixar “un obxectivo estratéxico que galvanice a cidadanía” e definir os “eixos vertebrais” dunha “estratexia de unidade popular” que serva para a “creba democrática”.

“Unha candidatura galega apendicular de calquera candidatura estatal non é compatíbel” con ese “suxeito político galego”

“Galiza, en canto o povo e nación que é, debe participar como suxeito político de seu” nesas eleccións estatais, escribe. Mais iso, sostén, implica que o obxectivo non se “limite” a “conquerirmos un grupo parlamentar galego”. Argumenta Beiras que nunhas institucións como ás actuais ás que se lle nega validez, unha “minoría nacional galega” pouco máis podería facer que protestar nesas Cortes: non podería lograr decisións políticas favorábeis a Galiza nesas Cámaras”. Por iso o camiño pasaría porque “o pobo galego decida libramente que políticas lle conveñen” e iso implica o “exercicio da soberanía”, e implica tamén “a nivel de Estado” que o Estado español deixe de ser “un protectorado da UE”.

Ferramentas

O 'suxeito político galego' construiríase en base a tres patas, manifesta Xosé Manuel Beiras na declaración. As marés e candidaturas de unidade popular que xurdiron na Galiza nas pasadas municipais, “o tecido asociativo da cidadanía na sociedade civil” -pondo o exemplo de Nunca Máis- e as “forzas e partidos da esquerda rupturista presentes e actuantes na Galiza”, especificando que se refire “tanto ás confesionalmente nacionalistas” como aquelas que asumen o dereito de Galiza a ser “un suxeito político”.

Nesta aposta, os partidos e organizacións políticas non deberían ser nunca protagonistas e insiste en que as mareas son o exemplo a seguir para as municipais. E mantén: “Un povo sometido a espolio colonial como o galego só pode confiar nunha mudanza política na que el mesmo sexa (...) suxeito político de seu: nada recibiu nunca o povo galego de España”. Por iso “unha candidatura galega apendicular de calquera candidatura estatal non é compatíbel” con ese “suxeito político galego”.

Mais a seguir engade que o espazo dunha alternativa que represente a ese suxeito político galego non pode ficar reducida ás forzas nacionalistas. Por iso, resume, “cidadanía, mareas, organizacións políticas: exhortámosvos a artellar a unidade popular desde o espazo da ruptura para encetarmos o proceso constituínte".
 

Comentarios