Beiras aposta en concorrer con IU ás europeas

Fronte a postura de López Rico, Luis Eyré ou Francisco Trigo, a coñecida como Anova 'oficial', de ir en coligación con soberanistas de esquerdas e/ou plataformas rupturistas, Xosé Manuel Beiras defende facelo con Izquierda Unida, segundo Europa Press.

Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista [Imaxe: Riobó Prada]

Beiras falou (nas canles internas de Anova) e a súa postura é favorábel a concorrer para as europeas con IU. Un posicionamento, anunciado por Europa Press, que supón, por unha banda, apoiar a posición de Martiño Noriega e #NósSomosAge e, ao tempo, desmarcarse do grupo 'oficialista'. Ou sexa, do 'beirismo histórico', o grupo de persoas que, como López Rico, Luis Eyré 'Palleiro' ou o cambadés Paco Trigo foron sempre (dentro do BNG e fóra) a garda 'petroriana' do Beiras. Estas persoas, e máis membros da Coordinadora Nacional e militantes das comarcas, consideran que ir con IU suporía a morte política de Anova.

A decisión supón un reencontro co sector de Martiño Noriega, partidario de facer de AGE un suxeito político propio. E desmárcase da Anova 'oficial' que teme acabar sendo un apéndice de IU

A decisión de Xosé Manuel Beiras non é para nada baladí no seo de Anova, sendo un referente de primeiro orde para parte da militancia. O seu posicionamento cara ao referendo deste domingo, onde a filiación elexe entre 3 opcións para concorrer ás europeas, non deixa lugar a dúbidas. E supón, ademais, un 'reencontro' co sector liderado por Martiño Noriega, do que se producira un afastamento após a demisión do alcalde de Teo como coordenador nacional.

Sorpresa?

O sector de Martiño apostaba en ir con IU, pois iso supuña manter AGE e seguir nesa liña de traballo e entendemento. Outro sector apostaba en non concorrer a esta cita de maio (entre eles, membros da CN como Miguel Anxo Abraira ou Héctor Tejón). E outro, o dos 'beiristas' históricos, avogaban por ir con soberanistas de esquerda e plataformas cidadás colectivos da esquerda rupturista.

Estes últimos, ademais, consideran que ir con IU sería ir contra os principios fundacionais de Anova e impedirían que esta organización e consolidase como proxecto propio e en chave nacionalista.

Este domingo a militancia de Anova elexirá entre algunha desas tres opcións nas máis de 40 mesas de votación que haberá polo país. 

Comentarios