O sector de Anova liderado por Noriega defende ir con IU e critica a "tendenciosidade" da consulta

#NósSomosAGE critican a baixa participación da militancia no debate programático e "as dificultades para acceder ao censo" de Anova-IN. 

anova teo
photo_camera [Imaxe Anova-Teo]

Após a publicación dun comunicado de imprensa que demandaba á militancia de Anova optar por non se presentar ás eleccións europeas, un outro sector da organización liderada por Xosé Manuel Beiras tomou parte do debate político e vén de facer público un manifesto baixo o título #NósSomosAGE. 

Através dun blogue, a corrente liderada por Martiño Noriega --alcalde de Teo-- e o deputado no Parlamento galego, Antón Sánchez, lanzan un chamado á militancia de Anova para optaren pola opción 1 no referendo que terá lugar este sábado (23 de febreiro). Isto é, concorrer en coligación coa esquerda federal pois, sinalan, "todo o que non sexa a opción 1 do referendo inhabilita a posibilidade de reeditar AGE no vindeiro proceso electoral". 

Para @s de Noriega, esta coligación --que suporía integrarse na listaxe impulsada por IU-federal-- "garante unha candidatura galega propia no marco das esquerdas rupturistas dos pobos", cunha campaña, iso si, "diferenciada, centrada nos intereses do noso país". Neste senso, e de acordo coas declaracións da coordenadora nacional de EU, Yolanda Díaz, @s candidat@s de Anova sumaríanse seguindo o "modelo catalán" practicado con ICV-EUiA nos comicios de 2009. 

Critican a "tendenciosidade" do referendo e "non concreción" das propostas

Asemade, remarcan no manifesto pendurado na rede, ir en coligación coa esquerda española é a única opción que permitiría dar continuidade á "fórmula AGE", unha cuestión que coidan está no cerne do debate aberto en Anova e que deu lugar a diversas baixas na dirección da organización, entre elas a do propio Martiño. 

Este sector tamén aproveita a súa reflexión pública para bater contra a convocatoria do propio referendo que, din, foi feita con "tendenciosidade" e sen "concreción na formulación das preguntas". Para @s impulsor@s de #NósSomosAGE, todo o anterior, sumado ás "dificultades para acceder ao censo do conxunto da militancia", impuxo "serias dúbidas sobre se a consulta reunía unhas garantías mínimas para fomentar a participación". 

Asinantes

Porén, sexa como for, deciden finalmente tomar parte e botar a andar a campaña a prol da concorrencia da man da esquerda federal. Unha opción que, polo de agora, asinan: Martiño Noriega (Teo), Antón Sánchez (Bergondo), Manoel Santos (Ribeira), Raúl Asegurado (Compostela), Antón Dobao (Teo), Iolanda P. Docampo (Ourense), Cristina Amor (Compostela), Alfonso Diz (Ourense), Fran Riveiro (Vigo), Francisco Seco (Ribeira), Rafa do Pico (Compostela), Alfonso Mascuñana (A Coruña), Borxa Quintela (A Coruña), Iria Otero (Compostela), David Rodríguez (Vigo), Manuel M. Barreiro (Ames), Xurxo Martínez (Vigo), Fiz Gómez (Carral), Pepe Constenla (Compostela), Xosé Vales (Betanzos), Rafa Sisto (Teo), Xosé Manuel Saa (Lugo), Xosé M.García Crego (Val Miñor), Miguel Anxo Méndez (Vedra), Esther Duro (Teo), Pepe Árias (Compostela), Salomé Beiroa (Teo), David Rodríguez (Manzaneda), Juan Campos (A Coruña), Xabier Canabal (Boqueixón), Gonzalo González (Brión), Victoria Mejuto (A Coruña), Carme Hermida (Teo), Juan Fariña (Bergondo), Xosé Luis Garaboa (Brion), Brais Fidalgo (O Ribeiro), Paco Fdez. Rei (Teo), Bruno González (Pontevedra), Pancho Niño (Abegondo), Xiana L.Penedo (Compostela), Xosé Manuel Riveira (As Pontes), Uxío Novo (Montaña Luguesa), David F. Calviño (Diáspora/Dinamarca).

Comentarios