Catro integrantes da dirección de Anova piden á militancia que rexeite concorrer ás europeas

Miguel Anxo Abraira, Héctor Tejón, André Outeiro e Teresa Munín defenden nun comunicado enviado á imprensa que a organización liderada por Xosé Manuel Beiras "non participe no proceso electoral" ao Parlamento europeo. 

anova
photo_camera [Imaxe: Anova]

O comunicado, asinado pol@s catro integrantes da Coordenadora nacional, debulla as razóns polas que demandan que "Anova non participe no proceso electoral" de maio, entre outras cousas, argumentna, porque "crear unha fronte pola quebra democrática non debe nen pode obedecer a unha estratexia publicitaria". 

Neste senso, coidan "unha deslexitimación da proposta de fronte ampla" faceren parte de calquera das "múltiples frontes" nas que se insire a "esquerda rupturista do Estado, con ou se participación das organizacións nacionalistas". Pois, defenden, "é un baleirado de contido da oferta feita e defendida" por Anova desde o seu xurdimento. 

Así, critican con dureza as opcións acordadas pola Coordenadora nacional de Anova esta fin de semana e chaman á militancia a se decantar pola terceira delas, a da non participación nas eleccións. Destarte, entenden que a "coalición coa esquerda federal" suporía "a incorporación de Anova na lista de IU" e "convertería AGE nun mero acordo electoral", sinalan, xa que "esta opción traizoa a proposta de fronte ampla". 

E é que IU-Federal viu truncado o proceso Suma co que visaba atraer a colectivos e movementos sociais á súa listaxe, logo da aparición de Podemos, impulsado por Pablo Iglesias, Esquerda Anticapitalista e un grupo de intelectuais españois. 

Doutra banda, tamén rexeitan a segunda das opcións sobre as que terá que decidir Anova: a concorrencia electoral da man dunha "coalición con forzas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico políticas". Unha opción que tildan de "demasiado aberta" e da que, din, "pretende incluír organizacións que xa manifestaron publicamente o seu rexeitamento" de se presentaren de maneira conxunta. 
 
Finalmente, o comunicado remata pedindo á militancia o rexeitamento das liñas programáticas aprobadas pola Coordenadora nacional porque "acepta a existencia dunha súper-estrutura innecesaria para a cidadanía galega", en alusión á UE. 

Comentarios