Feixoo segue a sumar apoios

Baltar retira o seu apoio a Casado e avoga por reconducir a crise "internamente"

Núñez Feixoo é a opción preferida para liderar o partido a longo prazo das baronías de Aragón, Cantabria, Castela e León e Madrid.
Alberto Núñez Feixoo e Manuel Baltar, no último Congreso do PPdeG (Foto: PP).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Manuel Baltar, no último Congreso do PPdeG (Foto: PP).

O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, apelou esta terza feira a "reconducir" no ámbito interno a crise creada no PP por mor do enfrontamento entre a dirección estatal, encabezada por Pablo Casado, e a titular da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

En declaracións recollidas por Europa Press, Baltar asegurou que hai "tranquilidade" nos cargos orgánicos ourensáns, á vez que fixo un chamamento á "responsabilidade" para que este tipo de cuestións "se resolvan no ámbito interno".

"Dentro dos órganos do partido, que para iso se lles deu lexitimidade nun congreso", matizou. Baltar instou a seguir as "vías orgánicas" estabelecidas para solucionar esta situación, mais evitou desta volta dar un apoio expreso a Casado, cuxa dimisión suxeriron ou pediron publicamente boa parte dos principais 'pesos' do partido.

Máis contundente fora a finais da semana pasada, pouco despois de estoupar a crise entre Casado e Ayuso, cando subliñou que Casado fora elixido polos militantes nun congreso e, en consecuencia, tiña a súa "lealdade".

Esta terza, reivindicou que o Estado español "necesita o PP e unha alternativa de Goberno" e, tras salientar que o partido "forma parte do PP europeo", mostrouse convencido de que será posíbel "manexar e resolver a situación" e presentar unha proposta nas eleccións xerais.

Seguen chegando apoios a Feixoo

Namentres, cada vez máis voces súmanse en público e en privado ao proxecto de Alberto Núñez Feixoo. Algúns deles cren que o mellor sería ir a un congreso extraordinario cunha candidatura única encabezada polo 'barón' galego para evitar máis fracturas internas e coser o partido. Feixoo xa ten apoios seguros en Andalucía, Madrid, Castela e León e Cantabria.

O portavoz do Goberno madrileño que dirixe Isabel Díaz Ayuso, Enrique Osorio, sinalou que o presidente da Xunta é a "mellor" opción para liderar o PP e criticou que a actual dirección estatal busque gañar tempo cando "o xuízo dos militantes" está ditado. Tamén expresou publicamente ese apoio a Núñez Feixoo a presidenta do PP de Cantabria, María José Sáenz de Buruaga, que cre que Casado debe dar un "paso ao lado", ou o alcalde de Málaga, Francisco de la Torre, que ve o barón galego como "un gran activo".

Pola súa parte, o presidente do PP de Aragón, Jorge Azcón, moi próximo até o de agora a Casado, afirmou que Feixoo "é o dirixente territorial en Europa que mellor pode acreditar o éxito" polas súas "catro maiorías absolutas" á fronte da Xunta. O PP aragonés reclamou tamén un congreso extraordinario para acabar "con esta etapa" e abrir "unha nova".

Ese apoio a Feixoo tamén veu da exportavoz do Grupo Popular no Congreso Cayetana Álvarez de Toledo, quen ve no presidente da Xunta a opción parar pilotar a transición no PP até a celebración dun congreso. Iso si, animou a concorrer a ese conclave a Isabel Díaz Ayuso, aínda que ela mesma se autodescartou esta segunda feira mesmo asegurando que o seu "sitio" é Madrid.

Comentarios