Casado: "A cuestión é se en plena pandemia podes ter un contrato coa túa irmá e recibir 286.000 euros"

O líder do PP replica as acusacións de Isabel Díaz Ayuso e demándalle "explicacións" sobre o contrato para adquirir máscaras que foi outorgado 'a dedo' ao seu irmán. "É un importe suficientemente relevante para pensar que houbo tráfico de influencias", di Pablo Casado.
Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Fotos: Europa Press).
photo_camera Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Fotos: Europa Press).

O líder do PP, Pablo Casado, emprazou esta sexta feira á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a aclarar se o seu irmán recibiu 286.000 euros en comisións por mediar nun contrato de máscaras en plena pandemia e asegurou que el, se chegase á Moncloa, non permitiría que un irmán seu cobrase un importe tan "relevante" por un contrato adxudicado polo seu Consello de Ministros.

Tras expresar a súa "decepción" por un "espectáculo lamentábel" que di non merecer, precisou que o dossier sobre ese contrato sanitario non lle chegou de Moncloa. Así se pronunciou nunha entrevista na Cadea Cope, no medio da guerra aberta no seo do PP. Esta quinta feira, a presidenta da madrileña acusou a dirección estatal da súa formación de vinculala coa corrupción "sen probas" e de tentar urdir un plan para destruíla. Pouco despois, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, anunciou a apertura dun expediente informativo polas súas acusacións "case delituosas" contra a cúpula do partido.

Casado afirmou que el se limitou a pedir información no ámbito interno porque debe "velar" pola exemplaridade dada a súa responsabilidade como presidente do partido e rexeitou que fose con ánimo inquisitorial.

"Todo isto ten que acabar"

Ao seu entender, "o fácil" é demostrar que todo é correcto nese contrato e que "se pode facer hoxe mesmo" con "transparencia, principios e exemplaridade". Con todo, subliñou que non entende a reacción que tivo Díaz Ayuso ao "detonar esta cuestión dunha forma tan virulenta". "Todo isto ten que acabar", proclamou Casado, emprazándoa a que pregunte ao seu irmán. Neste sentido, instouna a xustificar que non houbo "ningunha transferencia" ao seu irmán e, se a houbo, "está xustificada coa lei en vigor".

"Eu, se presidise o Goberno do Estado, non permitiría que un irmán meu cobrase 300.000 euros por un contrato adxudicado directamente polo meu Consello de Ministros", salientou. Dito isto, lembrou que a lei de 1995 de Contratos Públicos e Altos Cargos da Comunidade de Madrid "non permite contratar con familiares" e unha comisión dese importe "pode inducir a que houbo unha influencia real na adxudicación do contrato".

Segundo dixo, é algo que "se tiña que aclarar en privado" evitando este "espectáculo lamentábel" aos españois e en especial aos militantes do PP. "Espero que se poida facer", sinalou, para lembrar que xa hai partidos que anunciaron que levarán este asunto á Fiscalía.

Casado apunta a "tráfico de influencias"

Casado sinalou que el non puxo "en dúbida" que o contrato sanitario estea "ben feito", mais indicou que "o problema" é ver se despois dese contrato houbo unha "transferencia de comisións a un familiar". "Máis aló de que sexa ilegal, a cuestión é se é entendíbel que o 1 de abril, cando morrían en España 700 persoas, se contrate coa túa irmá e recibas 300.000 euros de beneficio por vender máscaras. Esa é a cuestión", proclamou.

Ao ser preguntado por se dá por feito que a comisión é dese importe, precisou que a información da que dispón é que "a comisión é de 286.000 euros", algo que, ao seu entender, é un "importe suficientemente relevante" para pensar que houbo "tráfico de influencias".

Porén, reiterou que el non está "a acusar", senón que se dedicou a preguntar no ámbito interno pero non recibiu explicacións. Tras agregar que el non o dixera "publicamente" porque "non ten probas" e "desexa fidedignamente que non sexa así", recalcou el cumpría coa súa obriga. Ao seu entender, o "máis fácil" sería dicir se o seu irmán recibiu ou non esas comisións e, se as recibiu, dar explicacións porque "xa non é só é unha cuestión do Código Penal, senón da Lei do Alto Cargo da Comunidad de Madrid, que prohibe contratar con familiares ou persoas interpostas".

Casado queixouse de que Ayuso o acusase publicamente de ir contra ela por "non sei que espureos intereses" cando "toda a súa traxectoria política foi velar pola exemplaridade" e "apoiar" Ayuso nas súas responsabilidades.

O dossier "non vén de Moncloa"

Fronte ás declaracións de Díaz Ayuso sobre o dossier, Casado afirmou que non o recibiu de Moncloa, se ben admitiu que contiña datos "fiscais e bancarios", polo que se podía inferir que viña dunha institución pública. Ademais, revelou que Ayuso lle comunicou que lle dicían en Moncloa que ese dossier llo pasaran desde Xénova. "E chamamos directamente á Moncloa, que nos din que iso é absolutamente falso", asegurou, para denunciar unha " preconstutución de probas" e "involucramento de organismos" no canto de "dar información" sobre o contrato de máscaras ao partido no ámbito interno.

O líder do PP rexeitou que puxesen enriba da mesa esas comisións como suposta chantaxe para que se retirase da carreira do PP de Madrid, porque "o importante é que non haxa ningún problema de exemplaridade" en ningunha administración gobernada polo PP. "O congreso do PP de Madrid dáme igual. Son un convencido das primarias, presentarase quen queira", aseverou, para queixarse de ter que "aguantar" estes últimos meses unha "choiva mediática de desprestixio, difamacións e insidias".

O xefe da oposición confesou estar "decepcionado" e "moi sorprendido" co ocorrido, apenas uns días despois dos comicios en Castela e León. "O que ocorreu é algo que non merezo persoalmente. Xamais retirei o meu apoio a Ayuso", indicou, para lembrar as responsabilidades políticas que lle deu. Aliás, sinalou que "xamais" lle dixo a ela que non contase coa súa confianza para non presidir o PP de Madrid e engadiu que é "algo moi secundario" en comparación co labor que ten na Comunidade.

Nega a contratación dun detective

Por outra parte, Casado negou que a dirección do PP contratase un detective para realizar labores de espionaxe á presidenta madrileña, algo que cualificou de "absolutamente falso". "Se alguén o fixese, sería cesado", proclamou, para engadir que o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, "aceptou a dimisión" do seu colaborador Ángel Carromero porque está "na picota" e non quere "prexudicar o Concello de Madrid".

"O que se oíu só é unha gravación dun presidente da Empresa Municipal dicíndolle a un suposto detective 'oia, chegoume unha información e gustaríame contrastala con vostede'", sinalou, para engadir que se esa gravación se puxese íntegra veríase que "a el non o contactou absolutamente ninguén". Ante as informacións xornalísticas que se están publicando e sen "dar ningún nome", insinuou a posibilidade de que todo o relacionado co detective e a espionaxe sexa "un reclamo" como o que, segundo dixo, pasa co dossier da Moncloa.

Comentarios