Xustiza

Baltar declara finalmente ante o Tribunal Supremo por un delito contra a seguridade viaria

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense. Tres meses despois, Baltar foi elixido senador por designación autonómica a proposta do PP, o pasado 28 de xullo.
José Manuel Baltar (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera José Manuel Baltar (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Tribunal Supremo (TS) citou o senador do Partido Popular (PP) e ex presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar esta terza feira para que declare por un presunto delito contra a seguridade viaria, dándolle así unha segunda oportunidade despois de que non acudise á comparecencia fixada para a semana pasada por razóns de saúde do seu avogado.

A instrutora do caso, a maxistrada Ana Ferrer, ofrecera a Baltar prestar declaración voluntaria ás 10 horas do 12 de decembro, pero o que fora presidente do PP de Ourense até o pasado outubro non acudiu ao alto tribunal. Segundo fontes xurídicas, pediu un aprazamento argumentando que ao seu avogado éralle imposíbel acudir por estar doente.

O obxectivo desta declaración é determinar a viabilidade das pescudas antes de cursar o debido suplicatorio ao Senado para proceder formalmente contra o político 'popular'.

O Supremo abriu a causa o pasado novembro, despois de que a Sala do Penal recibise o testemuño de xuízo rápido e as dilixencias urxentes remitidas polos xulgados de Zamora e Pobra de Seabra, incoadas en virtude de atestado da Garda Civil pola comisión dun suposto delito contra a seguridade viaria.

Seis meses de multa

Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentara escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código penal.

Fiscalía pediu unha pena de seis meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria que en caso de falta de pagamento estabelece o artigo 53 do Código penal e un ano e un día de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores.

O xulgado de instrución, de conformidade co prevido no artigo 800.1 da Lei de Axuizamento Criminal, acordara a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos dun delito de condución de velocidade notoriamente superior ao Regulamento O 15/2007.

Mais, acreditada a condición de senador designado polo Parlamento da Galiza, o Xulgado do Penal Número 1 de Zamora, por auto de data 13 de setembro de 2023, acordou a inhibición e remisión das actuacións ao Supremo.

A 215

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense. Tres meses despois, Baltar foi elixido senador por designación autonómica a proposta do PP, o pasado 28 de xullo.

Transcorrera apenas un mes desde que Baltar renunciou a seguir á fronte da Deputación tras 11 anos. Despois de non lograr a maioría absoluta na corporación nas eleccións do 28 de maio, buscou así facilitar que o seu partido puidese conservala, segundo afirmou el mesmo.

A renuncia de Baltar permitiu un cambio de ciclo na institución e no PP en Ourense, despois de máis de tres décadas ligadas ao seu apelido -primeiro da man do seu pai, José Luís Baltar, e despois baixo o seu mandato-. Agora preside a xestora do PP en Ourense e a Deputación o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, da órbita de confianza da dirección galega do partido.

Comentarios