A Deputación de Ourense despréndese do apelido Baltar tres décadas despois

Manuel Baltar renunciou á súa acta como edil en Esgos e, por tanto, non optará a seguir presidindo a Deputación, posto que ocupaba desde febreiro de 2012. O seu pai gobernara a institución nos 22 anos anteriores da man do PP.
José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O presidente provincial do PP ourensán, Manuel Baltar, vén de anunciar que non se postulará como candidato a presidir a Deputación no próximo mandato. Renuncia á acta como concelleiro de Esgos (comarca de Ourense) e non poderá seguir, en consecuencia, formando parte da institución provincial. Esta saída, que xustifica por "facilitar" aos populares manter o gobernp, porá fin a un ciclo político no que o apelido Baltar estivo ligado á institución provincial nas tres últimas décadas, nos últimos once anos da man do até o de agora presidente, e entre 1990 e 2012 co seu pai, José Luis Baltar Pumar, en posesión do bastón de mando.

A cita coas urnas do pasado 28 de maio deixou un complicado escenario político na provincia ourensá, tanto no Concello, onde Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá) foi o máis votado, como na institución provincial, onde o PP quedou a unha acta da maioría absoluta. Despois de que o presidente do PP na Galiza e da Xunta, Alfonso Rueda, evitase confirmalo como candidato popular a unha Deputación cuxa gobernabilidade segue no ar cando restan menos de 72 horas para que se constitúan as corporacións municipais e cando o malestar nas súas propias filas empezara a facerse notorio, o barón ourensán anunciou a súa renuncia á institución, malia que polo momento seguirá ao mando do PP na provincia, en funcións.

Desde antes do arranque da campaña das municipais, cando transcendeu que fora 'cazado' a 215 quilómetros por hora un domingo ao volante dun coche oficial da Deputación, atravesaba as súas horas máis baixas —aínda está pendente do xuízo—. E, malia que poucas voces se pronunciaron en público —si o fixo, por exemplo, o ex alcalde Jesús Vázquez—, cada vez máis numerosas eran as que, en privado, advertían de que facía "perder votos". Nesta conxuntura, o paso lóxico que lle tentaba facer ver a dirección que encabeza Alfonso Rueda era unha saída.

Tamén sae beneficiado o presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, xa que a presión mediática pola situación de Baltar, ao abandonar o cargo institucional, rebaixarase a falta dun mes dos comicios estatais. A dúbida agora é se terá un novo destino, como o Senado, que comezaba soar como opción en días pasados, se ben esta opción xa foi descartada. Agora hai voces que apuntan, como vía alternativa, ás eleccións europeas de 2024.

Entre tanto, nun comunicado remitido aos medios, Baltar esgrime que, ante a inminente constitución das corporacións locais da provincia de Ourense e "como presidente do partido que gañou as eleccións" a nivel provincial, traballa para "conformar gobernos populares solventes ao longo de todo o territorio". "Neste sentido, tamén traballo para facilitar que a Deputación teña un presidente ou presidenta do PP, a única formación política que concorreu ás eleccións do 28 de maio cun proxecto provincial a desenvolver para seguir impulsando Ourense", aseverou.

"Non hai maior interese xeral que o interese xeral da provincia. Por iso, a configuración das coproraciones locais non é unha cuestión de nomes, senón de siglas e de proxectos. A política é responsabilidade e é estabilidade", agregou. Baltar descarta formar parte da próxima corporación provincial e afirma que xa non tomará posesión da súa acta como edil en Esgos, o que o situará, polo menos de forma inmediata e nun momento chave, ás portas da campaña das xerais do 23 de xullo, fóra das institucións.

En todo caso, no mesmo comunicado subliña que o seu paso non diminúe, "en absoluto", o seu "compromiso" por Ourense. "Como presidente provincial do PP de Ourense seguirei loitando como sempre polo futuro desta provincia, co inminente reto de contribuír á chegada do ourensán Alberto Núñez Feixoo á presidencia de España", insistiu.

Rueda valora a saída de Baltar como "exemplo de xenerosidade"

O presidente Rueda cualificou a decisión do político ourensán como un "exemplo de xenerosidade" e sostivo que, malia que non formará parte da futura Deputación nin tomará posesión como concelleiro, si seguirá traballando pola "estabilidade na política" e "porque quen gaña as eleccións poida gobernar". "O Partido Popular gañou clarísimamente as eleccións para a conformación da Deputación de Ourense, e creo que temos todo dereito a reivindicar ese goberno e así o seguiremos facendo", manifestou.

Na súa intervención e preguntado sobre se poderá haber un acordo en Ourense que releve da alcaldía a Gonzalo Pérez Xácome, o presidente da Xunta e xefe de filas dos populares galegos lembrou que "hoxe mesmo" o candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, fixo a BNG e PSdeG un segundo ofrecemento despois de que o primeiro tivese "respostas contraditorias ou directamente o desprezo".

Sobre este asunto, Rueda acusou a PSOE e BNG de "tomar Ourense" como "unha peza no taboleiro" no "xogo" que levan a cabo para desprazar das institucións o Partido Popular. "Segunda vez que o PP fai esta oferta como forza máis votada para conformar con Manuel Cabezas un goberno no Concello de Ourense, e veremos o que responden a ese ofrecemento", afirmou, engadindo que coa súa resposta ao primeiro PSOE e BNG "quedaron bastante retratados".

Comentarios