Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense: "A prioridade foi o novo modelo de financiamento dos concellos"

Luís Menor é desde o 17 de xullo presidente da Deputación de Ourense. O alcalde de Pereiro de Aguiar, home de confianza de Alfonso Rueda, dirixe agora a institución provincial e mais o PP ourensán, imprimindo un cambio de formas e políticas que, sen moito ruído, ten provocado xa pactos co PSdeG que deixan Democracia Ourensá fóra de xogo. O talante, o diálogo e a capacidade de chegar a acordos son as fortalezas propias que sinala Luís Menor.
Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense nos corredores da Deputación (Foto: Deputación de Ourense).
photo_camera Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense nos corredores da Deputación (Foto: Deputación de Ourense).

Foi director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza, cargo que deixou para encabezar a candidatura do PP en Pereiro de Aguiar nas eleccións de 2019. Alcalde deste concello da comarca de Ourense, dirixe a Deputación tras 33 anos de Presidencia dos Baltar (José Luís Baltar, de 1990 a 2012, e Manuel Baltar, desde 2012 até este ano).

—Foi entrevistado hai seis meses, como alcalde de Pereiro de Aguiar, por Nós Diario. Agora é ademais presidente da Deputación e do PP de Ourense, que aconteceu neste tempo?
Houbo unha conxunción de circunstancias que abriron posibilidades que non se darían no caso de que non tivera renunciado o anterior presidente da Deputación e do partido [Manuel Baltar]. O resto penso que foi froito de moitos anos de traballo e responsabilidades, os compañeiros valoraron iso e confiaron na miña persoa para acometer estas novas responsabilidades.

—Hai catro meses que é presidente da Deputación e vén de aprobar uns orzamentos cun pacto co PSdeG que non se producira en 33 anos. Cal é a folla de ruta para estes cambios?
Chegar ao acordo é mérito das dúas partes, eu aspiraba mesmo a que o acordo fora máis amplo. Precedeuno unha modificación de crédito de 10,5 millóns de euros en outubro que se aprobou sen votos en contra, un fito histórico. O cambio está baseado na miña forma de ser, que para ben ou para mal, é distinta.
Sempre trato de dialogar e chegar a acordos. Quedoume un sabor agridoce porque penso que podería ter sido un acordo máis amplo, o BNG non deu o paso de apoiar os orzamentos, penso que por cuestións de momento político.

—E agardaba o voto en contra de Democracia Ourensá (DO)?
DO tivo un comportamento que terá que explicar. Tivemos unha ampla rolda de negociacións con quen quixo negociar. DO durante todo ese proceso estivo á marxe aínda tendo a documentación e sendo convidada a dialogar. Foi unha incógnita até o pleno no que saíron cun voto en contra, unha conduta que non acabo de entender.

—O novo modelo de financiamento, co Plan único, significa que o anterior modelo da Deputación era inxusto?
O modelo anterior foi produto dun tempo e dunhas circunstancias, non digo que fora inxusto, podemos pór exemplos de concellos moi ben tratados e outros non tanto. 
Pero iso non é exclusivo desta Administración, a Confederación Hidrográfica reparte millóns de euros e non ten ningún plan cun mínimo de criterios lineais. Eran cambios necesarios e demandados, obedecen á realidade actual e a unha demanda practicamente unánime.

—Dise que o acordo co PSdeG na Deputación e noutras votacións no Concello de Ourense pretende apartar politicamente o alcalde, Gonzalo Pérez Xácome (DO). É certo?
Eu non concibo a política como un mercadeo, onde me dan uns votos aquí e eu dounos aló. A política é diálogo, obxectivos e cumprir a legalidade. Na Deputación aprobar os orzamentos non tiña dificultade xurídica, viña perfectamente tramitado e con todos os informes preceptivos favorábeis. Non me meto en como xestiona o Concello, o que pedimos é que se cumpra a legalidade. 
É moi difícil que podamos apoiar cousas que non veñen avaladas, que non traen informes ou que son negativos. Non imos ser cómplices de condutas que non nos parecen correctas.

—92 concellos, 304.000 habitantes e 12 comarcas ao seu cargo na Deputación. Cales son as súas prioridades?
A fundamental era ese novo modelo de financiamento dos concellos. Era o momento de dar ese paso, non coñezo ningún alcalde que discrepe do novo modelo. Tamén é prioritaria unha liña directa coa poboación, sen filtros.

—En tema servizos sociais?
Tanto en persoal como en medios temos unha estrutura moi boa nesta materia. Estamos cun novidoso programa para este ano, a Administración por recoñecemento de voz, co que calquera persoa con identificación previa pode ter acceso a través da súa voz e demandar os servizos que precise sen ter que desprazarse e con plena garantía. 

—Cal é a súa relación co alcalde de Ourense?
No persoal é unha relación cordial, nunca tivemos un enfrontamento, temos que buscar acordos non entrar na dinámica de descualificacións. 
Teño unha maneira de traballar distinta á del, non digo que mellor nin peor, son bastante previsíbel e respecto os tempos e as formas. Falamos moitas veces, outra cousa é que cheguemos a acordos.

—Desde hai un mes é presidente do Partido Popular de Ourense, ás portas dunhas eleccións. A maquinaria está engraxada diante desta cita?
No partido en Ourense fixemos unha transición que moitos pensaban que ía ser cruenta, deixando compañeiros apartados ou provocando unha división, e para nada. Os compañeiros pedíronme que fose o candidato cando renunciou o presidente Baltar. El era o primeiro que tiña claro que non debía haber bicefalias, o noso partido non funciona con bicefalias entre responsabilidade política e institucional, así que Baltar se apartou. Eu creo que temos engraxada a maquinaria electoral, o partido vai contribuír de modo decisivo a que Rueda consiga a súa primeira maioría absoluta.

—DO vaise presentar ás eleccións galegas. Pode facerlle dano ao PP en Ourense?
Evidentemente é un competidor máis, pero un competidor para todos. Non creo que faga dano ou afecte só ao PP. Penso que DO non vai a ter ese acollemento que tivo a nivel local. Quen vai defender mellor os intereses de Ourense é a forza maioritaria e non xogar a ser chave, irrelevantes ou non existir.

—Vostede estivo na Xunta da Galiza con Rueda como conselleiro e con Núñez Feixoo de presidente. Como ve agora o candidato á Xunta e o líder da oposición en Madrid?
Traballei dez anos con Rueda. É a persoa que mellor coñece o funcionamento e a estrutura da Xunta. Non hai en activo ningún político que teña ese grao de coñecemento. O público descubriu a un presidente firme na defensa dos intereses da Galiza, leal e contundente institucionalmente e na relación coa cidadanía moi próximo. 
Feixoo é un dos grandes líderes da política española. Tocoulle vivir momentos moi complicados a nivel Madrid. Está adaptándose, gañou as eleccións outra cousa é que non goberne por catro votos pero á primeira foi quen de sacar máis deputados que Pedro Sánchez en todas as convocatorias. Agardemos que pronto se corrixa esta anomalía política dun Goberno baseado en persoas que non creen no Estado ou creen na súa destrución.

—Deulle Baltar algún consello para a Deputación ou para o partido que estea aplicando?
Baltar é unha persoa extraordinariamente respectuosa. Máis que consellos, o que teño pedido son opinións. Temos unha relación fluída e falamos moi a miúdo. Sempre está a disposición se se lle quere preguntar. Cando quero consultar fágoo e cando non, resolvo como mellor corresponde.

—Falou con Baltar sobre a citación deste no Tribunal Supremo o día 12 para declarar por un posíbel delito contra a seguridade do tráfico?
Iso é unha cuestión que entra dentro do seu ámbito particular, non é produto dunha decisión ou dun acto político e polo tanto debe encaralo. Non creo que para ninguén sexa agradábel enfrontarse a un xuízo. Ten instrumentos e o asesoramento suficiente para acometelo.

Comentarios