Rueda recúa e di que é Baltar quen vai decidir o seu futuro

presidente galego, Alfonso Rueda, anunciaba na súa comparecencia após o Consello da Xunta que Manuel Baltar non optaría á Presidencia do PP ourensán. Onte, no mesmo lugar e após que Baltar o desautorizara ao dicir que el propio decidiría se se presentaba ou non á Presidencia provincial do partido, Rueda apuntaba a que sería o ourensán quen decidiría o seu futuro político. 
rueda

Baltar non está morto politicamente, como moitos —tamén no propio PP— prognosticaban após as eleccións do 28-M. O presidente galego, Alfonso Rueda, veu dar onte unha "fe de vida" política ao aínda presidente en funcións da Deputación de Ourense, ao recoñecer que "se el quere, pode seguir sendo útil en política". Unha afirmación que fai apenas dúas semanas despois de que —no mesmo lugar que onte, na sala de comparecencia após o Consello da Xunta— anunciara que Baltar non optaría a presidir o Partido Popular de Ourense, indicando que así llo transmitiu o ourensán nunha conversa.

O presidente da Xunta da Galiza mesmo agradeceu a Baltar os servizos prestados e anunciou que "haberá outros candidatos e os compañeiros terán que decidir". Mais Manuel Baltar desautorizou esta fin de semana o presidente do PP na Galiza ao dicir que será el propio quen decida se aspira ou non a presidir o PP de Ourense, ao tempo que reprochou que se dese a coñecer o contido de conversas privadas.

A prensa preguntou onte a Alfonso Rueda por esta situación.  "Non hai ningún problema con Baltar, el ten todo o dereito a anunciar as cousas que lle afectan, enténdoo", manifestou o presidente. "Se el quere pode seguir sendo útil en política", engadiu, apuntando que o ourensán "cumpriu" cando "anunciou un paso atrás na Deputación de Ourense". Ademais, o titular da Xunta tamén esquivou abordar as candidaturas do Partido Popular a presidir a entidade provincial. "Quedan dous partidos xudiciais por elixir os seus deputados provinciais, agardemos a que remate ese proceso".

Receitas do Sergas para piscinas e ximnasios

O Consello da Xunta que presidiu Alfonso Rueda aprobou onte a Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027, un plan para mellorar a saúde da poboación con actuacións dirixidas ao fomento do exercicio ou hábitos alimentarios saudábeis.

Rueda recorreu para explicar a Estratexia ao propio exemplo que o conselleiro de Sanidade expuxo na xuntanza de Goberno: o médico poderá "receitar" ao paciente acudir a un ximnasio ou piscina para mellorar a súa saúde, e ese gasto correrá a cargo do Sergas. 

Bonificar o transporte

Tamén aprobou onte o Goberno galego manter até que finalice 2023 os descontos nos autobuses interurbanos e no transporte marítimo de ría entre Vigo e Cangas e Moaña. Alfonso Rueda lembrou que 20% da bonificación é con fondos propios da Xunta e 30% vai a cargo do Estado.

O Consello tamén aprobou licitar por 42 millóns de euros o contrato de xestión de Sogama para procesar envases lixeiros —os que van no contedor amarelo— e deu o visto e prace á entrada en vigor do acordo de mellora de condicións salariais do persoal médico.

Comentarios