Crise dos pellets

Asturias eleva a alerta polos pellets a nivel 2 mentres a Xunta segue sen consideralo necesario

Este paso permitirá ao Goberno estatal actuar contra esta crecente ameaza e despregar os seus medios, unha axuda que xa confirmou a ministra para a Transición Ecolóxica e vicepresidenta terceira, Teresa Ribera.
Pellets de plástico esparexidos por unha praia da Illa de Arousa. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
photo_camera Pellets de plástico esparexidos por unha praia da Illa de Arousa. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

O Goberno asturiano pasa á acción para facer fronte á 'crise dos pellets' só unhas horas despois de detectar a presenza destes microplásticos nos seus areais e eleva ao nivel 2 a emerxencia, segundo avanza LaSexta. Este paso permitirá ao Goberno estatal actuar contra esta crecente ameaza e despregar os seus medios, unha axuda que xa confirmou a ministra para a Transición Ecolóxica e vicepresidenta terceira, Teresa Ribera. Mentres, a Xunta da Galiza, que tivo coñecemento das primeiras verteduras hai tres semanas, resístese a dar este paso ao non consideralo necesario.

A propia Consellaría de Fomento asturiana confirmou a través das redes sociais que solicitou a intervención do Miteco para "contar cos medios para apoiar a vixilancia e a retirada dos residuos" que xa puxo a disposición do Executivo estatal. "Os nosos equipos están preparados para responder tan pronto se solicite", dixo Ribera, que este domingo ofreceu tamén a súa colaboración ao presidente galego, Alfonso Rueda.

Unha axuda, porén, condicionada á activación dese nivel 2 de emerxencia, salientou hoxe o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Blanco: "Non podemos entrar nunha casa se non nos abren as portas".

Comentarios