Entrevista

Anxo Rei (PSdeG), alcalde de Padrón: "Facer política desde a igualdade e o feminismo é imperativo nunha democracia avanzada"

Un acordo do PSdeG co BNG permitiu que o historiador e arqueólogo Anxo Rei Arca (Padrón, 1989) puxese fin a 12 anos de Alcaldía do PP na capital da comarca do Sar. Padrón conta cunha sólida situación económica e no seu amplo patrimonio cultural dispón das fundacións Rosalía de Castro e Camilo José Cela. Para Arca, Padrón ten que dar o salto dun concello ancorado operativamente na etapa predixital a crear as condicións urbanísticas e sociais para atraer máis poboación.
Anxo Rei, alcalde de Padrón, nun momento da entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Anxo Rei, alcalde de Padrón, nun momento da entrevista con 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

—Empezou moi novo en política e despois de dúas lexislaturas sen obter representación, en 2019 sae electo concelleiro e en 2023 alcalde, pondo fin a 12 anos de poder municipal do PP.
En 2007-2011 houbera unha coalición liderada polo PSdeG, con Camilo Forján á fronte e, desde entón a maio pasado o alcalde fora do PP, Antonio Fernández.

—Cando hai esas hexemonías prolongadas hai quen quere interpretalas como indicativo de conservadorismo, pero lembro que Padrón é co Barco de Valdeorras, dos poucos sitios que nos anos primeiros da democracia tiña representantes do Movemento Comunista.
En 1979, con Xosé Garcia Lapido á fronte, o MCG tivo tres persoas electas. Pero xa antes había unha tradición republicana moi importante, sobre todo no eido cultural. Padrón non se pode adscribir á dereita. Apoioume xente agora que anteriormente votaría Fernández ou antes Villamor e agora viron nesta lista nosa unha opción viábel para que Padrón deixe atrás esta ancoraxe administrativa no ano 1999.

—En que sentido?
Na organización administrativa especialmente, porque non hai departamentos ben definidos, non nai método de traballo, temos un atraso grave en dixitalización, non hai nin pasarela para facer un pago á Administración dunha taxa (hai que vir ao Concello, volver ao banco e regresar ao Concello co recibo pagado)… como no século pasado. Todo iso témolo que mudar. Ese síntoma de atraso no que está Padrón pódese estender ás instalacións deportivas ou aos medios para a xuventude ou a terceira idade de que dispomos.

O relacionado coa igualdade e con facer unha política feminista debe transcender todo debate

—Vostede nestes meses destacou que Padrón tiña un Goberno maioritario de mulleres.
É a primeira vez que hai maioría de mulleres na Corporación e no Goberno. iso afecta a maneira de gobernar, nos enfoques, no modo de negociar e de tomar as decisións. Xa no 25-N, o Día para Eliminación da Violencia contra as Mulleres, vaise ver na programación, fóra de todo complexo, pondo recursos, tentando chegar a todas as partes. O relacionado coa igualdade e con facer unha política feminista debe transcender todo debate, é un imperativo, non se pode gobernar doutro xeito nunha democracia avanzada.

—Cal sería a radiografía rápida dun concello que conta con 8.500 habitantes, pero tamén cunha industria forte?
Somos conscientes de que o nome de Padrón e o seu peso histórico fainos moi coñecidos. Aquí están as sedes de tres empresas moi potentes que traballan internacionalmente (Cortizo e Exlabesa no aluminio e na madeira, Finsa) e iso fai que entren entre 1.000 a 1.500 traballadores e traballadoras diariamente aos seus empregos pero non residindo aquí. Por que? Temos un plan xeral de 1994, que non recolle as necesidades actuais. É moi difícil edificar en Padrón, sexa en vertical ou vivenda unifamiliar, que pode tardar até dous anos en ter licenza. Iso disuade de vir a Padrón a residir.

Tampouco temos instalacións para os distintos tramos de idade. Se collemos o rango de 12 a 16 ou 14 a 18, carecemos de espazos pensados para eles, por iso queremos promover a construción dun skatepark, dun parque de calistenia, etc... lugares onde a mocidade poida atoparse, porque hoxe teñen que verse en parques infantís ou lavadoiros sabendo que noutros lugares como Bertamiráns si teñen esas instalacións. E tamén para a terceira idade. En Padrón, por exemplo, hai grande afeizon á chave e teñen que buscarse a vida para practicar e nós queremos prepararlles tres campos. A idea é que toda a poboación padronesa teña espazo para lecer, para traballar e para vivir.

—E tamén queren ter novo plan xeral de ordenación.
Agora que accedemos a toda á información vemos que todo está máis atrasado do que pensabamos. Os planos especiais de Iria Flavia e Padrón están máis adiantados e probabelmente entre 2024 e 2025 se poidan levar a aprobación inicial, e iso xa será un paso importante porque se poderá edificar no casco urbano. O plano xeral intentarémolo neste período 2023-2027, pero é unha norma complexa, e desde que se empezou a redactar xa apareceu moita normativa nova. Será unha prioridade porque só nestes meses xa pasou por aquí moita xente interesada en construír.

Temos moita demanda e queda xa moi pouco espazo no polígono de Pazos

—Tendo Compostela perto, cuns prezos elevados, podería ser outra alternativa vivir en Padrón.
Si, pero igualmente notamos os efectos da xentrificación e dos usos turísticos, porque somos parte do Camiño Portugués.

—Ao estar ben comunicados (tren, autoestrada...), necesitan máis solo industrial?
Temos moita demanda e queda xa moi pouco espazo no polígono de Pazos. Tamén se expandiron Cortizo e Exlabesa que está instalando unha prensa que será a segunda de Europa. Todo iso terá que contemplalo o plan de ordenación, porque ademais grazas a esas instalacións e as novas que poidamos captar, xa hoxe Padrón ten unha taxa residual de desemprego. Trataremos de combinar ben a convivencia da actividade industrial e a residencial.

—Neste mes de chuvias intensas, Padrón apenas foi noticia co que durante décadas foi o seu gran problema coas inundacións.
Desde que se fixo a canle do Sar o problema principal resolveuse. Quedan algúns, e non quero ser moi crítico, pero Augas de Galiza debía facer máis cousas. Por exemplo manter limpos as canles dos ríos, ou o mantemento dos desaugues nas zonas inundábeis sobre todo os que saen ao río Sar. O Concello solicita permisos e mesmo dispón de medios propios para facelo pero tardan en demasía. Deben ser máis dilixentes porque boa parte do territorio noso é zona asolagábel. 

—Como estamos en tempo de facer orzamentos, cal é a situación económica do concello?
A situación é boa. Atopeime ao chegar con 4,5 millóns de euros de remanente de tesourería, para un orzamento anual que ronda os nove millóns. 
Non se entende moito que a equipa anterior non actuase cando Padrón ten moitas necesidades. Por que non se fixo máis habendo fondos? Non se explica.

—Vostedes teñen que dar moitos servizos que non lles corresponden, como se queixan a maioría dos concellos?
Nós sentimos esa presión de asumir o custo de Axuda ao Fogar, por exemplo. A Xunta descargouno en nós e imos licitalo. Non deixaremos ninguén atrás que precise un servizo de calidade. Pero tamén hai asuntos máis rocambolescos, como que do Centro de Saúde non se encargue totalmente a Consellaría de Sanidade. 
Padrón ten un convenio que fai recaer parte do mantemento e do persoal nas responsabilidades municipais. De feito orzamentamos para mudar os solos que están moi deteriorados e que sería moi caro para nós, e o que fixen foi enviarllos á Xunta para que decida, porque creo que é competencia do Sergas. Non contestaron.

A Fundación Rosalía fai un traballo brutal co que ten moito que ver Anxo Angueira

—Padrón conta coas fundacións Rosalía de Castro e Camilo José Cela, cun gran peso e proxección.
A Fundación Cela mellorou na musealización, ten fondos moi interesantes e un epistolario incríbel. Quizais Cela non desperta tanta simpatía como Rosalía de Castro, pero a súa calidade literaria está por riba do seu, ás veces, polémico perfil. En todo caso, son dúas entidades que son un activo cultural de primeira orde para Padrón e Galiza. A Fundación Rosalía fai un traballo brutal co que ten moito que ver Anxo Angueira. Nós desde o concello apoiarémolas todo o que poidamos.

—Atravesan Padrón unha ruta xacobea e a ruta rosaliana, son dous ganchos turísticos tamén.
Hai que destacar o turístico, pero sobre todo o cultural. Porque son legados culturais nos que hai que afondar e unen moito. Rosalía non ten detractores, só ten adeptos e permítenos a moitos concellos estabelecer roteiros culturais e diversas iniciativas. Hai pouco reunímonos con Dodro, Ames, Brión e Santiago para darlle pulo a eses espazos nos que viviu e que están presentes na súa obra. Rosalía e tamén Cela, o Camiño de Santiago e o noso devir histórico fan que Padrón teña unha proxección moi importante e debemos investir para que todos eses puntos de visita sexan atractivos e estean en bo estado de mantemento. Hoxe nalgúns casos non están ben, por exemplo o Convento do Carme ten deterioros que hai que resolver en diálogo co Arcebispado.

Respecto a Constitución porque é o marco de convivencia; se houbese unha mudanza e se preguntase, eu definiríame por unha república

—Vostede mantivo até hai uns anos un blog con diferentes opinións políticas. Agora está de actualidade a súa reivindicación dun PSOE republicano.
Como teño unha mentalidade moi científica vexo contradicións que se me fai difícil compatibilizar. Hai pouco uns estudantes do instituto que viñeron ao Concello preguntáronme sobre iso tamén. A miña é unha mentalidade republicana, para min unha democracia plena debe ser republicana, onde todos os cargos públicos sexan electivos. Mentres non haxa unha constitución que así o recolla hai que respectalo. Somos unha democracia avanzada, e só o seríamos ao 100% cunha forma republicana. Pero respecto a Constitución porque é o marco de convivencia e se houbese unha mudanza e se preguntase eu definiríame por unha república.

—Como está vivindo estas xornadas de acoso ás sedes do Partido Socialista?
En Padrón a convivencia é magnífica e convívese con diversidade de pensamentos e ideoloxías políticas. A dereita ten que pensar porqué non condena determinadas accións que se están dando. Atacar as sedes dun partido porque non se está de acordo en como goberna é atentar contra a democracia. Se o PSOE ou outro partido tivese maioría absoluta non tería sido preciso negociar, pero iso non se deu o 23 de xullo. O Goberno en democracia é de quen consegue articular unha maioría.

O PSOE fixo acordos co BNG que son beneficiosos para Galiza e para España e no caso de Catalunya hai que negociar con partidos nacionalistas catalás para lograr a investidura. Non é nada novo, fixérono todos os presidentes do goberno. Só saltan as costuras se o fai un goberno de esquerdas? Non ten porqué. Cando gobernaba Raxoi a situación en Catalunya era moi complicada e con Pedro Sánchez apaciguouse e fomos a un modelo de convivencia. A amnistía tamén pode ser beneficiosa porque debe pechar un proceso que foi moi lesivo para España e Catalunya e permita avanzar na convivencia entre pobos.

Comentarios