Estas son as empresas vencelladas a Illa, Calviño e Sánchez que investiga a Fiscalía Anticorrupción

O fiscal xefe anticorrupción abre unha investigación para indagar nos "feitos que poderían ser constitutivos de delito" na adxudicación dos "contratos de emerxencia" por parte do Goberno estatal durante a pandemia.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a ministra de Economía e vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a ministra de Economía e vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
  1. As empresas investigadas

O fiscal xefe da Fiscalía Anticorrupción, Alejandro Luzón, acordou abrir dilixencias de investigación para analizar os contratos de emerxencia do Goberno de Pedro Sánchez que se incluíron na denuncia que presentou o Grupo Parlamentario Popular na Asemblea de Madrid.

Nun decreto de sete páxinas, o fiscal xefe indica que os feitos denunciados "revisten especial transcendencia", polo que incoa dilixencias para o esclarecemento dos mesmos, abrindo así unha investigación por cada unha das sete empresas "supostamente favorecidas", entre as que están Beedigital —da que é directivo o marido da ministra de Economía e vicepresidenta primeira, Nadia Calviño— e Industrias Plásticas Playbol —vinculada aos pais do presidente do Goberno, Pedro Sánchez—.

Luzón lembra que o pasado 10 de marzo tivo entrada nesa Fiscalía especializada a denuncia do PP madrileño na que sinalaba as "irregularidades que considera habidas nos contratos de emerxencia, relacionados coa Covid-19" e formalizados pola Administración Xeral do Estado e o sector público institucional, así como outras irregularidades que afectaban contratos e a concesión de subvencións públicas.

A Fiscalía investiga os feitos que teñen a ver coas sociedades adxudicatarias

Tras detallar até trece contratos por valor de máis de 320 millóns de euros, Anticorrupción explica que o fío condutor na exposición dos feitos que conforman as irregularidades que se denuncian "son as sociedades adxudicatarias, con independencia do órgano adxudicador". Engade que as irregularidades que se detallan basicamente son a vinculación de cada unha das sociedades coas distintas administracións e a falta de comprobación da concorrencia dos requisitos mínimos para a formalización dos contratos. E suma que, para o PP, estas condutas "poden constituír os delitos de prevaricación, negociacións prohibidas aos funcionarios, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos".

O fiscal xefe indica que o PP "nada achega", salvo a referencia a publicacións en medios, sobre a relación dos adxudicatarios coas persoas aforadas que se indican e a súa posíbel intervención ou axuda na obtención dos contratos, isto é, sobre a súa participación nos feitos delituosos polos que se presenta esta denuncia.

Polo de agora quedan excluídos desta causa os membros do Goberno, que, de seren imputados nun futuro, o caso elevaríase ao Tribunal Supremo

Por iso, exclúe a participación de momento desas "persoas aforadas", se ben de admitirse a querela o asunto sería elevado ao Tribunal Supremo. E trae a colación o decreto polo que abriu dilixencias sobre o contrato vencellado ao irmán da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, para indicar que neste caso tamén "resulta procedente a práctica dalgunhas dilixencias que, sen dirixirse inicialmente contra persoas físicas ou xurídicas, permitan confirmar ou descartar a transcendencia penal dos feitos denunciados".

"E iso debido á relevancia que ten o recto e normal funcionamento da Administración Pública con suxeición ao sistema de valores instaurado na Constitución e á indiscutíbel transcendencia social do contexto en que teñen lugar os feitos descritos na denuncia", sostén. Luzón explica que esta indagación debe realizarse incoando dilixencias de investigación penal e que é pertinente investigar "se os contratos de adquisición de material sanitario denunciados, por errados ou fraudulentos, foron axustados ás esixencias e garantías impostas pola contratación administrativa".

As empresas investigadas

No decreto analiza as sete empresas coas que se asinaron eses contratos ou que foron obxecto de subvención en 2020. De todas elas destaca que a denuncia subliña que a súa actividade non tiña relación co obxecto do contrato e que houbo unha falta de comprobación da solvencia.

Soluciones de Gestión y Apoyo a Empresas SL

Da primeira, Soluciones de Gestión y Apoyo a Empresas SL, indica que, sempre segundo a denuncia, "as informacións xornalísticas sosteñen que ten relación co exministro de Transporte socialista, José Luis Ábalos".

Engade a isto que "a súa actividade social non ten relación directa co obxecto do contrato", que hai unha "falta de comprobación da solvencia da adxudicataria" e que en 2019 "a súa cifra de negocio foi de 0 euros, fronte aos 53,13 millóns de euros en 2020 polas adxudicacións públicas directas".

FCS Select Products

De FCS Select Products SL indica que os medios de comunicación apuntan como causa da adxudicación dos contratos a "relación de amizade dos administradores da sociedade" co que fora ministro de Sanidade, Salvador Illa. E apunta que a súa actividade social —servizos de fabricación de produtos de artigos de márketing para o sector de bebidas alcólicas— tampouco ten relación directa co obxecto do contrato.

Tamén sinala que se deu unha falta de comprobación da súa solvencia e que en 2018 a súa cifra de negocio foi inferior ao millón de euros, mentres en 2020 alcanzou os 263,1 millóns de euros polas adxudicacións públicas directas. Lembra, aliás, que a administradora da empresa foi condenada en 2016 por un delito de estafa.

Member of the Tribe

Sobre a mercantil Member of the Tribe SL apunta que a denuncia salientaba que o seu obxecto social é o deseño e fabricación de roupa, e que non existía tampouco correlación ningunha coa subministración de produtos sanitarios. Ao tempo, engade que se daba unha falta de comprobación da solvencia da adxudicataria e carencia de xustificación da súa non necesidade, e que se pagou un "prezo excesivo" por unidade de luva.

Recolle que segundo o PP o custo estímase entre 25% e 500% superior ao ofertado por outros provedores. Lembra que Sanidade adiantou 30% do primeiro dos contratos que se relacionan por un importe de 1,6 millóns e que a compañía incumpriu o prazo de entrega polo que se resolveu o contrato sen que a administración recuperase o diñeiro adiantado.

Weihai Textile

Sobre a compañía Weihai Textile Group Import and Export Co. Ltd o fiscal xefe recolle que ocorre como coas anteriores a respecto da súa idoneidade e di que se deu un prezo de adxudicación excesivo da unidade de bata, 16,7 euros, fronte a outros provedores cuxas ofertas roldaban os 0,3263 euros e 0,2783 euros.

Hyperin

No que atinxe a Hyperin Grupo Empresarial destaca o Ministerio Público que a denuncia indica que o seu obxecto social é a fabricación de xesos, polo que non existe tampouco correlación coa subministración de dispositivos de ventilación mecánica invasiva.

Lembra que Sanidade adiantou o importe total de contrato que alcanzaba a suma de 3,3 millóns de euros, así como que a compañía incumpriu o contrato e está pendente de reintegrar 1,8 millóns.

Beedigital

Sobre Páginas Amarillas Soluciones Digitales SA, agora coñecida como Beedigital, lembra que o PP de Madrid a relaciona con Calviño porque o seu marido é o director de márketing da empresa.

Indica ademais que a adxudicación do contrato "realizouse cando a empresa tiña débedas co Estado por valor de 1,6 millóns" e que cando se prorrogou o contrato en 2020 a débeda ascendía a 884.000 euros.

Playbol

De Industrias Plásticas Playbol SL explica o fiscal xefe que o PP vencella axudas recibidas por esta sociedade coa vinculación da empresa cos pais do presidente de Goberno. Neste senso, apunta que estes venderon en 2018 os activos, fondo de comercio e maquinaria da empresa Playbol SA, da que continúan como administrador e apoderada ambos os dous proxenitores.

Engade que a empresa compradora, Industrias Plásticas Playbol SL, subrogouse nos contratos laborais e que, aliás, a empresa dos pais segue a ser propietaria das naves nas que se desenvolve a actividade empresarial transmitida, por cuxo arrendamento percibe anualmente 156.000 euros.

Comentarios