Anticapitalistas marcha de Podemos-Galiza

Din que traballarán por unha alternativa “rupturista” ao Réxime do 78 que non se limite “á súa xestión”

Anticapitalistas
photo_camera Imaxe de arquivo dunha xuntanza de Anticapitalistas

Anticapitalistas, organización á que pertence a deputada no Parlamento galego Paula Quinteiro, deixa Podemos Galiza para "traballar na construción dunha alternativa rupturista co Réxime do 78 que non se limite á súa xestión".

A organización até o de agora integrada en Podemos anuncia a súa decisión nun comunicado no que afirma que "é necesario construír unha esquerda política e social independente do Goberno e que impulse a mobilización social".

Así, avanzou que "todas e todos" os militantes de Anticapitalistas "deixan os órganos internos de Podemos Galiza e calquera responsabilidade a nivel nacional e municipal".

Ademais de apelar a "dar resposta ás demandas deste ciclo de mobilizacións sociais", consideran que "é fundamental afrontar a crise territorial do Estado dando a palabra ás persoas co exercicio do dereito de autodeterminación sen restricións".

"Estamos seguras de que seguiremos coñecendo á xente de Podemos en moitas frontes onde loitaremos contra o neoliberalismo e o patriarcado, a nivel de rúa e de movemento", afirma a declaración de Anticapitalistas, unha organización á que pertence, ademais da deputada de En Marea Paula Quinteiro, o até agora secretario de Podemos Vigo, Xaquín Pastoriza.

Paula Quinteiro: "Podemos cambiou"

En declaracións a Nós Diario, Paula Quinteiro, deputada de Grupo Común da Esquerda e integrante de Anticapitalistas, afirmou que "vou seguir a traballar no grupo parlamentar". A parlamentar considera que "o proxecto inicial de Podemos non ten nada que ve co que hai agora" e erntende que "a entrada no Goberno [español] supón unha subalternización ou renuncia". 

Comentarios