A organización liderada por Antón Sánchez irá dividida ao conclave

Anova promoverá "con outros actores" unha ponencia alternativa á oficial no Plenario da Marea

A medida que se achega o 15 de Xullo, data prevista por En Marea para realizar o seu plenario, os diversos actores da confluencia comezan a ensinar as súas cartas. Anova anunciou este sábado que "con outros actores" vai promover unha ponencia alternativa á da oficialidade comandada por Luís Villares.

Coordenadora Nacional de Anova. 2 de xullo de 2017
photo_camera Un momento da reunión da executiva de Anova

A corrente encabezada por Luís Villares aproveitaba a xuntanza do Consello de En Marea celebrada o sábado 1 de Xullo para lanzar unha proposta de integración ao sector crítico, consistente na incorporación de catro membros do mesmo ao seu órgano executivo, oferta que sería rexeitada na propia reunión por estes. Ao tempo, o sector oficial da confluencia aprobaba os relatorios para o debate, refugados tamén pola corrente crítica, nos que se inclúen diversos regulamentos de funcionamento, entre eles a carta financeira que segue sen aprobar practicamente despois dun ano, e tres textos de carácter político, nos que destaca "En Marea como alternativa política das maiorías sociais de Galicia". O calendario para o debate, que algúns sectores consideran moi axustado coa intención de impedir o contraste de posicións, fixa o 10 de Xullo como data tope para a presentación de emendas e para a inscrición dos participantes.

A resposta non se fixo agardar. Só unhas horas máis tarde, Anova -que celebraba en Compostela a súa Coordinadora Nacional coa presenza de Xosé Manuel Beiras- aprobaba a presentación duns relatorios alternativos aos promovidos pola equipa de Luís Villares, elaborados conxuntamente cos outros sectores críticos de En Marea e coa intención de “reconducir a ferramenta política ao servizo do espazo de ruptura para rachar co distanciamento da cidadanía que nos apoiou”. O documento aprobado por Anova fixa, por unha parte, aqueles aspectos que consideran nucleares do proxecto da confluencia ao tempo que critica  diversas posicións da maioría ao mando da organización. Así entre os aspectos doutrinais, a organización dirixida por Antón Sánchez, sinala que “En Marea non é, pois, un suxeito político nacionalista. Non acepta ningunha división social baseada nunha fronteira discursiva que separe entre nacionalistas e non nacionalistas.”. 

Antón Sánchez, Martiño Noriega e a FPG enfróntanse a Villares e ao sector minoritario de Anova que apoia o ex xuíz

A resolución aprobada polo máximo órgano de dirección de Anova representa unha impugnación á orientación organizativa que está seguindo En Marea. Así, afirmase que “as mareas deveñen da súa propia autonomía, polo tanto non poden ser creadas dende arriba ou corporativizadas”, nun claro toque de atención aos movementos do sector de Villares de poñer en marcha mareas en diversas localidades, o que o grupo crítico entende como un intento de conseguir apoios de cara ao plenario de Xullo. Na mesma orientación deféndese o órgano executivo de En Marea, de onde están excluídos os críticos, “como unha comisión delegada de traballo sen funcións de dirección política” ao tempo que denuncian o intento de “converter o Consello das Mareas nun órgano metade consultivo metade plebiscitario, e por tanto lexitimador, de decisións políticas tomadas no ámbito da Coordinadora”.

 

As fontes consultadas por Sermos Galiza non dubidan en afirmar que esta resolución vai afondar aínda máis na división da organización fundada por Xosé Manuel Beiras. Sinalan tamén que de facto Anova está fendida en dúas metades, nun lado o sector do que fai parte o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, ben como Martiño Noriega e a militancia da FPG; e noutro, o nucleado arredor do deputado Davide Rodríguez e no que se integran asembleas como as de Ourense, Pontevedra e unha parte importante de Vigo ou Cangas. Foi precisamente o primeiro destes sectores, maioritario na dirección de Anova, o que forzou esta posición política, atopándose entre os destinatarios destas críticas outros membros da formación, como o propio Davide Rodríguez, Afonso Díaz ou Iria Morgade que fan parte do núcleo de máxima confianza de Luis Villares. Máis unha vez, como xa acontecera na elección do Consello de En Marea, a militancia de Anova concorrerá divida a un novo proceso interno da confluencia, defendendo posicións diametralmente enfrontadas e cun escenario cada vez máis evidente de ruptura definitiva.

Ao final, como todos os dados indicaban, o plenario de Xullo de En Marea vai vivir un novo capitulo da guerra de familias interna. Por unha banda, o sector de Luís Villares, formado a máis do que se coñecen como “os villaristas” por militantes da corrente minoritaria de Anova, dos Ecosocialistas e do colectivo Cerna, cun Mario López Rico a influír cada día máis sobre o conxunto da organización e sobre o propio Luís Villares. Doutra banda, as Mareas de Coruña, Compostela, Ferrol e Ourense, canda a parte maioritaria de Anova, Esquerda Unida e os sectores de Podemos críticos co liderado de Carme Santos. Son moitas as incógnitas que fican por despexar até o 15 de Xullo, entre as que destacan a posición de Xosé Manuel Beiras, o contido preciso dos textos alternativos ou o alcance da intención revocatoria a Villares e os seus fieis por parte dos críticos. No que si hai coincidencia entre as dúas partes é en que o plenario vai estar aberto, cunha clara igualdade de forzas, sen se atrever ninguén a afirmar de que lado se vai inclinar a balanza.

Comentarios