Ana pontón viaxará a Euskadi para reunirse con Íñigo Urkullu

Será a próxima terza feira, 1 de marzo. Abordarán temas como o concerto vasco ou o modelo 'Ikerbasque', que "converte Euskadi nun referente en I+D+i".
Ana Pontón en sede parlamentaria. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón en sede parlamentaria. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, viaxa o vindeiro martes, 1 de marzo, ata Vitoria para manter un encontro co lehendakari Íñigo Urkullu, nunha reunión que servirá para abordar asuntos como o concerto vasco ou o modelo 'Ikerbasque', que "converte Euskadi nun referente en I+D+i".

Trátase da primeira reunión institucional entre ambos e terá lugar na sede do Goberno vasco. Sobre a mesa, estarán asuntos como o papel das forzas nacionalistas no contexto do Estado, o concerto económico como modelo nun momento no cal se debate o financiamento autonómico e o papel da administración pública para impulsar a ciencia e o coñecemento, en que Euskadi "é un referente".

Así mesmo, segundo informaron fontes da organización nacionalista galega, a portavoz nacional do BNG tamén aproveitará para "intercambiar valoracións" co presidente vasco sobre a situación política actual.

Non en balde, a crise interna aberta no Partido Popular abre tamén un panorama de mudanza na Galiza e precisamente, a vindeira teza feira, o PP reúne a súa xunta directiva para convocar o congreso extraordinario que podería levar o mandatario galego Alberto Núñez Feixoo á presidencia do partido e, posteriormente, a propiciar unha substitución na Xunta.

Esta reunión, a primeira co lehendakari, prodúcese tamén nun contexto no cal o BNG afirma estar, en palabras da propia Ana Pontón, "en disposición de disputarlle a hexemonía ao PP" na Gañiza e co firme propósito da dirixente nacionalista galega de "ensanchar" as bases do Bloque, como así proclamou na pasada XVII Asemblea NAcional da formación celebrada en novembro de 2021.

Axenda

A axenda que a líder nacionalista manterá en Euskadi tamén inclúe un encontro cos máximos responsables da asociación Ad Concordiam, que promove o coñecemento e a difusión do sistema vasco de financiamento, encontro en que participará o presidente e deputado de Facenda e Finanzas da Deputación Foral de Biscaia, José María Iruarrizaga, e o deputado xeral de Biscaia, Unai Rementería.

Na delegación do BNG estará a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e Rubén Cela, da área de relacións exteriores da Executiva Nacional do BNG.

Comentarios