Feixoo segue a xogar a dúas bandas mentres a oposición exixe que aclare xa o seu futuro

BNG e PSOE afean ao presidente da Xunta que estea máis pendente do que ocorre en Madrid que do que ocorre na Galiza.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, á saída da sesión de control. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, á saída da sesión de control. (Foto: Álvaro Ballesteros/Europa Press)

A sesión do control á Xunta desta cuarta feira está a ser protagonizada pola posibilidade de que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, presente a súa candidatura á presidencia estatal do Partido Popular (PP), que agora mesmo aínda ocupa Pablo Casado.

Tanto a voceira do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, como o voceiro do Partido Socialista (PSdeG), Luis Álvarez, afearon a Feixoo que estea a pensar máis no que ocorre en Madrid que no día a día da poboación galega.

Na súa intervención, Ana Pontón exixiu ao presidente que aclare os pasos que vai dar nos vindeiros días, "por honestidade" coa Galiza. A lideresa da segunda formación política do Parlamento galego subliñou que Feixoo ten a obriga de "escoller" entre o país e o Partido Popular. Para Pontón, ao dirixente popular pégalle máis agora mesmo "Génova, Génova, Génova", que o seu lema da última campaña, "Galiza, Galiza, Galiza".

Nunha liña semellante manifestouse o voceiro socialista. Álvarez cambiou este lema de campaña de Feixoo por "Madrid, Madrid, Madrid". Tamén lamentou non saber se está a debater "co presidente da Xunta" ou cun "voceiro" do Partido Popular.

Feixoo segue sen mollarse

Na súa quenda de replica, o presidente da Xunta volveu a mostrarse ambiguo sobre as súas intencións con respecto ao congreso do Partido Popular no que os compromisarios escollerán un novo presidente ou presidenta estatal da formación política.

A poucas horas de que Feixoo compareza na sede madrileña do PP en Génova 13 xunto co resto de baróns territoriais, o popular afirmou que "non hai que escoller entre a Galiza e o PP".

A pesar diso, o presidente do Executivo galego segue desvelar nin dar máis pistas sobre cal será o seu futuro a curto prazo, mentres cada vez son máis as voces públicas do Partido Popular as que lle piden directamente que sexa el quen tome as rendas do Partido Popular estatal.

A última e máis directa en facelo foi a deputada do PP no Congreso Cayetana Álvarez de Toledo, quen afirmou que Feixoo debe ocupar a presidencia da formación política "porque agora mesmo é o único adulto que hai na sala".

Comentarios