Pontón pon o BNG como garante de "cambio positivo" nos concellos

A líder nacionalista chama a "saír a gañar" o 28-M.
BNG BOIRO
photo_camera Charo Lópes, Raquel Suárez e Ana Pontón, onte en Boiro.

Un BNG capaz de construír concellos "con futuro", de facer avanzar unha cidade, unha vila “a un ritmo rápido e positivo, que está presente nos municipios para transformar en positivo e para mellorar a vida das persoas". Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, expresouse así onte en Boiro para apuntar a que "o Bloque será a forza que máis suba" nas eleccións municipais, “porque o 28-M saímos a gañar, con toda a humildade mais tamén coa máxima ambición, porque queremos abrir un tempo novo en Galiza concello a concello”.

Ana Pontón desprazouse até a vila da comarca do Barbanza para arroupar a presentación como candidata á Alcaldía de Boiro de Raquel Suárez, nun acto no que, entre outras, tamén estivo presente a escritora e fotógrafa boirense Charo Lópes.

"Entusiasmos"

“O BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, o empurre e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”, enxalzou a líder da oposición, que valorou “un modelo municipal de éxito, que funciona, que achega solucións avanzadas adaptadas á nosa realidade”, aludiu, “para non perder o tren das grandes transformacións que neste momento hai que pór en marcha para non quedar atrás”. 

Pontón describiu a candidata nacionalista de Boiro como “unha muller con moita capacidade, enorme compromiso, coñecedora dos problemas deste Concello”.

Pontón destacou o proxecto do BNG para o Concellodo Barbanza “que pon as persoas no centro”. A líder do Bloque destacou, ademais,  que o BNG ten un xeito de gobernar que é “transparente e democrático, onde todos os veciños e veciñas son tratadas por igual”.

Pola súa parte, Raquel Suárez destacou que se presenta á Alcaldía para mellorar Boiro, un reto que asume “acompañada dun equipo humano impresionante, persoas honestas, traballadoras e comprometidas”. Un equipo preparado “para transformar Boiro".

Comentarios