Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo), acolleu máis unha vez unha nova edición da súa tradicional Festa da Ostra.
Estes festexos, que naceron a iniciativa dos ostricultores da zona (pioneiros na súa exportación e comercialización), reuniron un ano máis centos de persoas que se congregaron nesta parroquia mariñeira para degustar o “exquisito” bivalvo, ademais doutros deliciosos produtos do mar.
Veciñanza de Soutomaior e de diferentes puntos da Galiza e de Portugal puido degustar nesta fin de semana até 120.000 unidades do seu produto gastronómico estrela.
A 35ª edición desta popular festa, que conta ademais coa cualificación de Festa de Interese Turístico da Galiza, deu comezo a pasada sexta feira, 31 de marzo, cunha programación que incluíu, ademais da degustación das ostras, actuacións musicais para desfrute de público infantil e adulto, así como unha tirada de fogos de artificio.
Día grande
O día grande dos festexos foi este domingo, 2 de abril. A xornada comezou cun pasarrúas da Banda Artística de Arcade e da Banda Cultural desta mesma localidade, que desfilaron desde a rúa do Calvario até o peirao, onde se atopan as casetas de degustación.
Ao mediodía deu o pregón da 35ª Festa da Ostra Lucía Veiga, presentadora do programa da TVG Malicia Noticias e gañadora do Premio Mestre Mateo á Mellor Actriz pola serie Rapa.
Xa pola tarde, a charanga 112 fechará os festexos, até o ano que vén.