Ana Pontón presenta un programa de Goberno "para erguer Galiza"

Autonomía financeira, autogoberno, aposta polos sectores produtivos, defensa dos servizos públicos e da igualdade real, pular pola lingua e a cultura galegas, loitar contra a precariedade ou promover a innovación e o desenvolvemento son algúnhas das bases en que se alicerza o programa co que o Bloque Nacionalista Galego quere gobernar Galiza. 
De esquerda a dereita: Olalla Rodil, Mini Rivas, Ana Pontón, Luís Bará e Noa Presas. (Foto: Arxina)
photo_camera De esquerda a dereita: Olalla Rodil, Mini Rivas, Ana Pontón, Luís Bará e Noa Presas. (Foto: Arxina)

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, que aspira a presidir a Xunta partir do 12 de xullo, presentou onte en Compostela o seu programa de Goberno para “erguer” Galiza e "prender o motor dun país parado pola falta de ideas do Executivo de Aberto Núñez Feixoo", dixo.  

“Hoxe a Galiza ten un Goberno sen ideas e sen impulso, ao que se engade o atranco de sucesivos Executivos do Estado contaminados de centralismo, o que fai que a Galiza perda", criticou Pontón. Para a líder nacionalista "urxe un cambio de rumbo da man dun BNG que confía no país e que está disposto a aproveitar todo o seu potencial”. 

Dez principios

O programa de Goberno do Bloque xira “ao redor de dez grandes principios co obxectivo de conseguir a reactivación económica e social a través dun grande acordo de país”, explicou Pontón. O primeiro eixe é a autonomía financeira "que pasa por dar a Galiza un novo modelo de financiamento que permita xestionar desde aquí todos os recursos e marcar as prioridades, en definitiva, que  dea a Galiza a chave dos seus cartos, o que tamén inclúe unha banca pública que facilite que o aforro galego chegue ás familias e empresas", dixo Pontón.

O segundo principio é combater a precariedade e garantir o acceso á vivenda, auga, luz e electricidade. O programa coloca a innovación e o desenvolvemento como chave para xerar riqueza e emprego de calidade. A defensa da capacidade produtiva e mais dos servizos públicos, como a sanidade e o coidado das persoas maiores, son outras das urxencias que ten o BNG.

En sexto lugar, a igualdade real aparece como prioridade transversal con medidas como colocar un investimento mínimo para loitar contra a violencia machista e cunha aposta pola conciliación familiar e laboral. A emerxencia climática, as políticas ambientais, desenvolver un novo modelo de mobilidade e un transporte máis racional, así como a defensa da lingua e cultura propias están no texto programático co que o Bloque quere gobernar Galiza. 

Comentarios