Pontón: "O pacto do PP con Xácome era previsíbel, sempre antepón os intereses partidistas"

A nacionalista carga con dureza contra o Partido Popular, ao que insta a "parar cos bulos" após incumprir a promesa de non dar o Goberno local, novamente, a Democracia Ourensá "para manter a poltrona caciquil" da Deputación.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou esta segunda feira ante os medios que o acordo do Partido Popular co líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, era "moi previsíbel" porque os 'populares', dixo, sempre "antepoñen o interese partidista ao interese da cidadanía".

"En Ourense pasou exactamente o que dixen que ía pasar. Díxeno de forma pública, que era o escenario máis posíbel", reiterou en rolda de prensa Pontón, que lembrou que xa anticipara que o PP pactaría de novo con Xácome, reeditando o ocorrido en 2019, "se era necesario para manter a poltrona caciquil" da Deputación de Ourense.

O PP, asegurou a líder nacionalista, "queda retratado" tras asinar un pacto ao que se negara publicamente durante a campaña electoral e ponse de manifesto, apuntou, que "lle importa máis o PP que calquera outra cousa".

Así, instou os 'populares' a "parar cos bulos". "Até para o PP e para o señor [Alfonso] Rueda os bulos deben de ter un límite, porque querer responsabilizar aos demais dos seus pactos é o colmo da indecencia política", afirmou, aludindo ás responsabilidades que os conservadores cargaron sobre PSOE e Bloque a raíz deste pacto.

Aliás, Ana Pontón lembrou que o BNG sempre dixo que "non ía pór a Alcaldía de Ourense nin en mans do PP nin de Xácome" e que os votos do Bloque "non servirían para iso".

Comentarios