Cimeira municipal

Ana Pontón pide ao BNG “saír a por todas e sen complexos” nas eleccións municipais

Perto de 300 cargos locais participan na xornada de traballo de preparación dos comicios de 2019. A portavoz nacionalista defende a “marca de calidade·” dos concellos gobernados polo Bloque.

bng cimeira municiapl

Ana Pontón quer que o BNG “saia a por odas e sen complexos” nas eleccións municipais de 2019. Unha cita que o nacionalismo considera fulcral, non só por ser uns comicios nos que se poidan asentar e lograr gobernos para mellorar a vida da veciñanza senón tamén como “primeiro paso para desaloxar o PP da Xunta”. Así o expresou a portavoz nacional no encontro que reuniu na capital galega a 300 cargos locais desta formación.

“Demostramos con feitos que temos un modelo propio que funciona desde a confianza nas capacidades deste país, que non necesita copiar o que ven de Madrid,  un modelo que podemos ver en cada un dos concellos nos que temos responsabilidades de goberno, desde aqueles máis consolidados aos máis recentes, desde Allariz e Pontevedra, a Carballo, Rianxo, Tomiño,  Bueu, San Sadurniño, A Mezquita, Castrelo de Miño,...por citar algúns exemplos”, argumentou Pontón.

A portavoz considera que os concellos gobernados polo BNG son exemplo de transformación en beneficio da maioría social, referentes de políticas de benestar e calidade de vida, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social. “Os municipios que goberna o BNG son un desafío a esa idea de que Galiza non pode valerse por si mesma”.

As municipais poden ser un punto de inflexión, unha oportunidade “para  promover un cambio de ciclo político desde a base”, e  que o avance do BNG nas eleccións municipais sexa “o primeiro paso de cara a desaloxar ao PP da Xunta”.

A xornada de traballo contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do secretario de Comunicación, Xavier Campos, seguida en cada caso dun debate e posta en común de ideas por parte dos responsables municipais.

Comentarios