Ana Pontón optará á candidatura do BNG á Xunta

A portavoz nacional do Bloque anunciou a súa decisión rodeada por un grupo de mulleres militantes. "É hora de que rachemos conxuntamente cos teitos de vidro", subliñou. 

Ana Pontón presentou a súa candidatura arroupada por un grupo de militantes
photo_camera Ana Pontón presentou a súa candidatura arroupada por un grupo de militantes

Ana Pontón compareceu esta segunda feira perante os medios de comunicación para anunciar que se postulará ao proceso aberto no BNG para elixir a persoa que optará á presidencia da Xunta nas eleccións ao Parlamento. 

A portavoz nacional do BNG desde a XV Asemblea Nacional asegurou que adoptou a decisión após “ter falado con moitas persoas” e que outras se teñan dirixido a ela para dar o paso. Neste senso, amosou o seu agradecemento pola iniciativa impulsada por un grupo de militantes no que apoiaban a súa candidatura. 

"As mulleres debemos rachar colectivamente cos teitos de vidro, situar no centro das políticas a defensa da igualdade, o feminismo"

Rodeada por unha vintena de mulleres militantes entre as que se atopaba a deputada Montse Prado, Ana Pontón asegurou que "á hora de tomar a decisión di que “foi  importante o compromiso coa igualdade” cre que as mulleres “debemos rachar colectivamente cos teitos de vidro, situar no centro das políticas a defensa da igualdade, o feminismo” un “camiño”, di, “que non só queren camiñar as mulleres” senón “tamén moitos homes”, enfatizou. 

A súa candidatura é até o momento a única feita pública á espera de que remate o prazo de presentación das mesmas na cuarta feira (20 de abril). Así as cousas, en resposta aos medios de comunicación, Pontón asegura que “facilitamos que calquera persoa se poida presentar e coa convición de que iso é positivo, non sei cantas organizacións pode dicir que para se candidatar só precisan o aval de 50 persoas” polo que a existencia de máis ou menos candidaturas, dixo, dependerá da militancia. “Nesta casa [o BNG] favorecemos a democracia interna”, subliñou. 

O prazo habilitado polo Consello Nacional para presentar candidaturas remata o 20 de abril

De cara aos comicios que terán lugar este ano Ana Pontón defendeu o BNG como "unha alternativa clara e contundente" ao Partido Popular e ao "señor Núñez Feijóo" de quen dixo "é pasado". Fronte a iso, dixo, o Bloque preséntase como “un proxecto de futuro para a maioría social”, “as persoas que están a sufrir a precariedade nos seus traballos”, a que “tivo que emigrar e quere retornar”. “Somos unha alternativa para acabar co espolio e promover o resgate da maioría social” situando no centro, di, a “capacidade para decidir”. 

“Galiza é mellor que o goberno que temos” e “as galegas e galegos temos moito que dicir e ilusión, esperanza por poder cambiar esta realidade”, afirmou. 

Comentarios