Medio cento de militantes do BNG promoven a candidatura de Ana Pontón para as eleccións ao Parlamento

Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, a portavoz en Bruxelas Ana Miranda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ou Carlos Callón son algunhas das persoas que asinan o manifesto 'Eu con Ana Pontón'. 

Eu con Ana Pontón

Medio cento de militantes e cargos institucionais do BNG presentaron esta sexta feira (15 de abril) en Compostela a campaña 'Eu con Ana Pontón', un manifesto co que propoñen a voceira nacional da organización frontista como candidata á presidencia da Xunta no marco das eleccións ao Parlamento. 

Lanzan a iniciativa "convencidas", din, da "solidez, a experiencia, a capacidade e a empatía" de Ana Pontón

"Convencidas da necesidade de reforzar e renovar o nacionalismo galego", sinalan, propoñen Pontón porque representa "a solidez, a experiencia, a ilusión, a capacidade e a empatía que precisa a nosa organización". "Unha das persoas que mellor encarna o compromiso con Galiza", dixo Anabel Gulías, militante e concelleira do Bloque en Pontevedra. 

Entre as persoas asinantes atópase o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o que foi candidato de Nós ao Congreso pola Coruña, Carlos Callón, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ou Xosé Luís Rivas, 'Mini'. 

Para alén da presentación pública e do manifesto pendurado na rede, explicaron que iniciarán unha campaña através das redes sociais baixo o lema 'Eu apoio Ana Pontón'. 
 

Comentarios