Pontón acusa Feixoo de "tratar de ocultar" a súa axenda con Vox e de "xogar coa vida e seguridade" das mulleres

A líder nacionalista critica con dureza o acordo de goberno do PP coa extrema dereita no País Valencià, que substitúe o termo "violencia machista" por "violencia intrafamiliar".
Rolda de prensa de Ana Pontón no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rolda de prensa de Ana Pontón no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou esta terza feira o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, de "tratar de ocultar" a súa axenda con Vox e "xogar" coa "vida" e coa "seguridade" das mulleres. A líder nacionalista pronunciouse nestes termos ao ser preguntada en rolda de prensa polas palabras do dirixente 'popular' nunha entrevista na Cadena Ser, defendendo que a violencia machista é unha "obviedade" e que, por tanto, "o obvio" non debe chamar a atención que "non estea nos textos", en alusión ao recente pacto do PP coa extrema dereita no País Valencià, que emprega o termo "violencia intrafamiliar" en substitución de "violencia machista".

"Feixoo sabe que mente cando fai referencia a que non se fala de violencia de xénero nese acordo porque é unha obviedade. Non se fala de violencia de xénero nese acordo porque é obvio que o Partido Popular está a pactar cunha extrema dereita que cuestiona a existencia mesma da violencia de xénero", subliñou Pontón, que asegurou que se trata dun tema "sobre o que non se pode pasar de puntillas".

A dirixente do Bloque lembrou que cando empezou a participar en política e a coñecer o marco lexislativo púñalle "os pelos de punta" observar como "mulleres que cando ían presentar unha denuncia nos xulgados dicíanlles que, como iso non era un delito, tiñan que volver á súa casa e esperar a que a próxima vez lles deixasen máis marca, e que con esa realidade fose outra vez a denunciar no xulgado".

"Eu non sei se o Partido Popular e Vox o que nos queren é levar de novo ás mulleres a esa situación, e iso é o que nos estamos xogando nestes momentos", dixo Pontón, que incidiu en que o PP está "a pactar con quen nos quere levar cara aí".

De forma paralela, lamentou que se estean "rompendo consensos" que "naceron da loita feminista e que deixaron atrás a moitas mulleres que pagaron coa súa vida o silencio que había na sociedade".

"Isto non é unha cuestión menor, é unha cuestión central e o PP o que quere é ocultar esa axenda que ten coa extrema dereita, que atenta contra os dereitos das mulleres", insistiu a líder da oposición no Parlamento da Galiza.

O Partido Popular, cos seus pactos con Vox, insisitu Ana Pontón, "está a xogar coa vida das mulleres, coa nosa seguridade e non llo podemos permitir". Isto, dixo, tamén está en xogo o próximo 23 de xullo nas eleccións estatais.

Comentarios