O Goberno portugués reivindica a cooperación transfronteiriza coa Galiza: "Temos as prioridades ben definidas"

Representantes da Deputación de Pontevedra e do Executivo luso subscribiron a Declaración de Pontevedra.
José Miñóns, Carmela Silva, Uxío Benítez e Ana Abrounhosa. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Miñóns, Carmela Silva, Uxío Benítez e Ana Abrounhosa. (Foto: Europa Press)

A ministra de Cohesión Territorial de Portugal, Ana Abrounhosa, afirmou que o Goberno do seu país ten as "prioridades ben definidas" e reivindicou a necesidade de afianzar os vínculos transfronteirizos "que esixen investimentos aos dous lados do Miño".

Abrounhosa destacou os proxectos de conexión por alta velocidade ferroviaria á Galiza, para os que salientou que é necesario "atopar fontes de financiamento".

Así o declarou nunha visita á Deputación de Pontevedra, onde mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da institución, Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, Uxío Benítez, e o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns.

Ana Abrounhosa sinalou que o acordo de cooperación transfronteiriza asinado na Cimeira Ibérica da Guarda foi "unha gran fonte de inspiración" para o desenvolvemento da estratexia de cooperación transfronteiriza "aliñada cos fondos europeos".

"Compromiso" coa alta velocidade ferroviaria

Pola súa parte, Carmela Silva coincidiu en mostrar o "compromiso total coa alta velocidade" por parte dos Gobernos portugués e español, demandando que "a saída sur desde Vigo sexa unha realidade máis pronto que tarde".

Por último, José Miñóns insistiu no "compromiso firme" do Executivo estatal coa alta velocidade e a conectividade entre a Galiza e o norte de Portugal. "Europa mira o Estado español e Portugal", sinalou o delegado do Goberno español.

Ao abeiro da mesa de traballo, previa á próxima Cimeira Ibérica do 4 de novembro, os representantes da Deputación e do Executivo luso subscribiron a Declaración de Pontevedra, recollendo as iniciativas que trasladarán a ese foro.

Comentarios