Ana Miranda, nomeada vicepresidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG participou na comisión con anterioridade.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, foi nomeada esta terza feira vicepresidenta primeira da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, en representación do Grupo dos Verdes.

Este comité encárgase de estudar as peticións da cidadanía sobre cuestións que lle afecta ou formular queixas sobre a aplicación do dereito da Unión Europea. O Parlamento Europeo pode chegar a estudar a cuestión en sesión parlamentaria e transmite as súas conclusións aos interesados.

Após darse a coñecer o seu nomeamento, Miranda salientou que “con esta nova responsabilidade o Bloque vése máis recoñecido na Eurocámara, con maior poder e capacidade política para dar máis visibilidade á Galiza e os seus problemas”.

Neste sentido, a eurodeputada do BNG detallou que xa formou parte desta comisión anteriormente, á que levou temas como, entre outros, “o informe da contaminación das rías galegas, o accidente do Alvia e as reclamacións das enfermeiras en loita”.

“A mellor comisión do Parlamento Europeo”

Miranda asegurou que “sempre” colaborou cos demais grupos con representación na Comisión de Peticións “de maneira leal na que creo que é a mellor comisión do Parlamento Europeo”.

Para a dirixente nacionalista esta comisión é na que “as persoas, os colectivos e os pobos poden intervir directamente” para falar dos temas denunciados. Precisamente esta terza feira comparecerán familiares do barco Vila de Pitanxo, afundido en Terranova o pasado mes de febreiro.

A vicepresidenta saínte, a eurodeputada verde danesa Margrette Auken, afirmou que non lle cabía ningunha dúbida de que Miranda vai facer “perfectamente o seu labor, tal e como sempre traballou". A propia Auken foi quen propuxo o nome da eurodeputada do BNG para substituíla.

Comentarios