Ana Miranda asegura que o escano do BNG na Eurocámara será "máis social, feminista e ecoloxista ca nunca"

Miranda asumirá o posto ocupado até o de agora por Pernando Barrena, de EH Bildu.
Ana Pontón e Ana Miranda, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A eurodiputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, e a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, analizaron esta terza feira en rolda de prensa o papel do Bloque nos dous anos que Miranda ocupará asento na Eurocámara.

Así, a nova eurodeputada sinalou que “o BNG recupera o escano para Galiza. Teremos maior capacidade para decidir en cuestións fundamentais para o noso país e os seus sectores produtivos”. “Seguiremos traballando arreo para seguir demostrar que, se o BNG está, a Galiza está”, asegurou Miranda.

Neste sentido, a representante do Bloque Nacionalista Galego en Europa explicou que a formación nacionalista “terá un escano máis social, feminista e ecoloxista ca nunca”, e subliñou que a formación nacionalista “non vén a Europa a defender os ‘lobbys’ empresariais, senón a defender o pobo galego”.

Miranda tamén tivo palabras de lembranza para Camilo Nogueira, quen fora europarlamentario entre os anos 1999 e 2004. “Desde 1999, cando o meu querido Camilo Nogueira foi elixido eurodeputado, traballamos para ter voz propia en Europa, porque sabemos que é a única forma para que os intereses da Galiza sexan escoitados”, recoñeceu Miranda, para despois concluír dicindo que “é unha honra representar o pobo galego no Parlamento Europeo”.

Un escano “gañado pola Galiza”

Pola súa parte, Ana Pontón sinalou que “hoxe non gana un escano o BNG, gáñao a Galiza”. Para a portavoz nacional do Bloque, o escano da formación nacionalista significa “que o noso país vai ter maior peso político. É o escano dos nosos gandeiros e gandeiras. É o escano da pesca. O escano que tentará frear o boom eólico depredador”.

Pontón asegurou que o escano de Miranda servirá para “defender os intereses da Galiza”, ao tempo que destacou que “o traballo de Ana Miranda xa vén de moitos meses atrás, e hoxe darémoslle un impulso importante”.

“Estamos ante unha crise de prezos moi importante. Non se poden producir os erros do pasado. O traballo do BNG será tamén para que haxa unha saída xusta desta crise”, concluíu Pontón.

Comentarios