Entrevista

Ana Miranda, eurodeputada do BNG: "Nós non vimos defender os intereses dos 'lobbies', senón os das persoas"

Ana Miranda (Cuntis, 1971) representará o BNG no Parlamento Europeo no que resta de lexislatura, dentro do grupo parlamentario dos Verdes-Alianza Libre Europea. A xestión dos fondos europeos "para que cheguen ás clases traballadoras" e a defensa de medidas fronte á crise enerxética e económica serán as súas prioridades.
Ana Miranda, do grupo parlamentario dos Verdes / Alianza Libre Europea. (Foto: OV/ALE)
photo_camera Ana Miranda e o BNG intégranse no grupo parlamentario da Os Verdes-Alianza Libre Europea. (Foto: OV-ALE)

—Que liñas de actuación primará o BNG no que resta de lexislatura en Bruxelas?
Para nós a prioridade é a situación do pobo galego, de moitas persoas que están a sufrir coa crise enerxética e cunha inflación que afecta os alimentos, a vivenda e o propio modo de vida. Hai persoas que teñen que escoller entre comer e quentarse, e é algo moi triste. Esa será a nosa liña prioritaria de actuación, a través de sectores como a pesca, a agricultura, as infraestruturas ou o medio ambiente.

Os fondos europeos están mal repartidos, xa que non se está a ter en conta a situación social. Hai un desfase entre a realidade das persoas e as decisións comunitarias e dos estados. Nós reiteramos, alto e claro, que non vimos aquí defender os lobbies e as multinacionais, senón que vimos a defender as persoas. É a nosa obriga.

—Fai vostede alusión aos fondos europeos destinados a paliar a crise. Cales deben ser as prioridades neste caso?
A prioridade debería ser a creación de emprego, mais non o é. Outra serían os problemas de despoboamento, o acceso a conexións de banda ampla onde aínda non chega... E tamén habería que apoiar sectores produtivos como a industria, a agricultura ou a pesca para afrontar a crise enerxética cunha axuda directa.

—Considera, pois, que non se están a xestionar ben eses fondos?
Coa pandemia veu unha morea de fondos extraordinarios, como os Next Generation, que tampouco están chegando ás clases traballadoras, senón que volven recalar nas multinacionais. Aínda non se viu a repercusión que teñen para a xente a pesar de tanta propaganda e mentres fecha unha explotación cada seis horas, mentres moitos comercios tiveron que fechar porque non lles dá para pagar as facturas... A xente e os sectores altamente dependentes da enerxía están a pasalo moi mal, e non hai unha compensación para paliar os efectos da crise. Deberían apoiarse moito máis os sectores produtivos aos que van destinados os fondos e crear infraestruturas para, por exemplo, completar un saneamento que aínda non está completo na Galiza ou xestionar o medio natural dunha forma eficaz. Non podemos usar os fondos para crear 'macroparques' eólicos, como pretende a Xunta.

—Na súa toma de posesión apuntaba a reclamación de "xustiza" para as vítimas do Vila de Pitanxo como outro asunto chave para o BNG. Que medidas tomará ao respecto nas próximas datas?
Hoxe mesmo [por esta quinta feira] proporemos na comisión de Peticións a comparecencia en outubro dos familiares das vítimas. Nós, como parte do grupo Verdes-ALE, o cuarto da Eurocámara e desde agora con paridade entre homes e mulleres, votaremos a favor e instaremos a facer unha investigación. Ese será o primeiro paso.

—Tamén está pendente de resolverse, após case unha década, a investigación do Alvia.
Xa solicitei unha reunión coa comisaria de Transportes [Adina Vălean] e estivemos hai pouco coas vítimas. É hora de que a comisaria nos reciba para ver como avanza o procedemento de infracción, porque agardamos por el desde hai moito tempo.

—A pasada semana trasladou con Adega á Comisión Europea as denuncias polo "boom eólico". Cales serán os seguintes pasos?
En novembro dirán se finalmente investigan a denuncia presentada con Adega. Nós faremos un seguimento directo coa Comisión sobre o tema, porque vai ser unha das cuestións chave. Como membro da comisión de Peticións seguirei apoiando Adega e os colectivos ecoloxistas da coordinadora Eólica Así Non.

"Ninguén manda en nós, só o pobo galego"

Ana Miranda inicia a súa terceira etapa como eurodeputada tomando o relevo de Pernando Barrena (EH Bildu), outro dos cabezas de lista da coalición electoral Agora Repúblicas, da que tamén fan parte outras formacións soberanistas como ERC. A eurodeputada galega insiste en que o traballo que fai o BNG en Bruxelas "é directamente na defensa da Galiza".

"Ninguén manda en nós nin nos dá instrucións máis que a nosa militancia e o propio pobo galego, ante quen respondemos", precisa. Esta fórmula electoral coa que xa concorrera o BNG en anteriores ocasións permite, a xuízo de Miranda, "dar voz en Europa" ás nacións sen Estado. A xente, apostila Miranda, "non nos vota por unhas siglas, senón polo traballo que hai detrás e que o pobo galego valorou nas últimas eleccións, cando pasamos de 80.000 a 171.000 votos", celebra.

Comentarios