Santiago de Compostela

Sanmartín fai un balance "positivo" dos 100 primeiros días de mandato e critica o papel de PP e PSOE

"Parece, en certa maneira, que algúns non asumiron que non tiveron maioría absoluta e que os veciños no seu conxunto o que elixiron foi un goberno de esquerdas", afirma a alcaldesa de Santiago, en alusión ás forzas da oposición.
Toma de posesión de Goretti Sanmartín como alcaldesa de Santiago, o pasado 17 de xuño. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Toma de posesión de Goretti Sanmartín como alcaldesa de Santiago, o pasado 17 de xuño. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fai un "balance positivo" dos seus primeiros 100 días á fronte do Goberno de coalición de BNG e Compostela Aberta na capital galega, se ben lamenta, con todo, que os grupos da oposición —PP e PSOE— "non tivesen o decoro político de respectar os 100 días". A preguntas dos medios esta segunda feira tras a Xunta de Goberno local, Sanmartín asegurou que viviu estes primeiros 100 días con "moita ilusión" e "moitas ganas", recibindo parabéns, dixo, "por parte dos veciños e das asociacións" porque "viron que este Goberno estivo activo desde o primeiro momento".

Nesta liña, defendeu que o seu equipo de goberno despregou unha "forte actividade" nestes tres meses, atendendo as necesidades "inmediatas" pero tamén "iniciando procesos de máis longo percorrido". "A nosa intención é mellorar a xestión municipal, non descoidar o diálogo constante con asociacións, institucións, a USC, o Arcebispado, a Deputación da Coruña, a Delegación do Goberno ou a Xunta", manifestou.

A rexedora tamén fixo referencia a outras cuestións que recoñeceu que sabía que "podían ser problemáticas", como o contrato de transporte, sobre o que xustificou que aproveitaron para "incorporar novidades importantes como o bus nocturno ou o reforzo dalgunhas liñas", así como a ampliación das liñas "para dar servizo a unha parte do rural".

De cara ao futuro máis próximo, o que lle "preocupa" a Sanmartín é o que poida pasar a finais de ano "coas decisións que se tomen no Estado sobre as regras de gasto" ou tamén outras cuestións relacionas co período medio de pago a provedores "tan grande" ou o "escaso grao de execución". E, a este respecto, advertiu que se deben tomar "medidas internas importantes" para mellorar a xestión municipal e a prestación de servizos.

En definitiva, a rexedora compostelá fai un balance "positivo" dun goberno que "funciona" e "traballa unido", tentando conseguir que "moitas das cuestións saian adiante" a pesar de contar cos "orzamentos prorrogados", que será, dixo, o próximo reto do Goberno local.

PP e PSOE, "sen decoro político"

Por outra parte, cuestionada polo papel da oposición durante esta etapa, Sanmartín lamentou que non tivesen "o decoro político de respectar os 100 días". "Houbo un ruído mediático intenso, creando polémicas absolutamente estériles, artificiais, que non contribúen para nada á mellora dos intereses da cidadanía. Creo que con iso paga a pena non gastar esforzos. Parece, en certa maneira, que algúns non asumiron que non tiveron maioría absoluta e que os veciños no seu conxunto o que elixiron foi un goberno de esquerdas", salientou.

En referencia ao PSOE, Goretti Sanmartín manifestou que "parece que quere tapar un pouco a idea de que non quixo entrar no goberno e coller as súas responsabilidades". O grupo municipal socialista, de feito, deixou entrever a pasada semana que non apoiará os orzamentos para o vindeiro exercicio se o Goberno local segue adiante coa súa proposta de derrubar a Casa do Matadoiro.

"Este Goberno exerce as súas competencias, iso é o que ten que facer, e parece que hai algunhas frustracións que creo que non teñen ningún sentido", argumentou a alcaldesa, e lamentou de novo que non contasen "coa cortesía dos 100 días". "Ás veces PP e PSOE parece que trasladan o mesmo", dixo. "Algunha xente quere tapar as súas decisións erradas, neste caso, de non asumir as súas responsabilidades e poder estar no goberno tendo funcións executivas e arrimando a man todo o mundo a traballar polo ben do conxunto da poboación", resolveu Sanmartín.

Comentarios